Skip to main content

A mostra Peregrinatio, o Camiño de San Francisco a Santiago chega a Oviedo

Oviedo acolle a exposición “Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago”, enmarcada nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

A exposición, que pode visitarse ata o 15 de outubro no Palacio de Conde de Toreno, está organizada por Turismo de Galicia dentro do convenio de colaboración que mantén co Banco Etcheverría.

Esta mostra audiovisual é froito da recente viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandro González a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que San Francisco percorreu en 1214 desde Asís a Compostela.

Os autores amosáronse atentos á tradición cultural e á relixiosidade que impregna os lugares e os camiños a Santiago. Paisaxes culturais e espazos sacros ligados á orixe evanxélica da tradición cristiá sobre a que se asenta a mentalidade e a historia cultural dos pobos de Europa.

Neste fresco resáltase o fecundo encontro entre culturas que suscitan os camiños de peregrinación. Unha viaxe que se desenvolve a través de paisaxes cambiantes, ao abeiro do misterio e das inquietudes dos propios peregrinos.

Trátase, en definitiva, dunha busca espiritual que se representa na penumbra dos templos, ante o resplandecente brillo dos altares, na plenitude da natureza, no intercambio de acenos e palabras cos compañeiros de ruta, na calma do albergue, ou no medio do balbordo de mesóns e tabernas.

Os motivos de ocio e deporte, de turismo cultural, o sentimento de aventura, galvanizan en boa medida os ánimos dos modernos peregrinos. Pero nesta rede de apetencias mundanas segue a brillar unha lapa de espiritualidade que reforza a vontade de cada cal, axudándoo a superar esforzos e esquecer cansazos, logrando que o peregrino do século XXI reviva unha tradición cultural milenaria.

As claves principais deste feito histórico vivo –os seus valores universais, o seu legado cultural, a súa capacidade para potenciar aspectos como a comprensión, o intercambio, a solidariedade, a hospitalidade– están recollidas neste traballo de Manuel Valcárcel e Alexandro González, dos artistas novos galegos que, asumindo o seu papel de peregrinos, souberon ver en camiños e santuarios, cos ollos ben abertos, a esencia dun fenómeno único.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia