Skip to main content

Comunicación dixital, a debate na xornada Xornalismo, Datos e Redes Sociais

Un total de 90 xornalistas, estudantes e representantes de empresas analizan en Santiago a influencia das TIC na profesión xornalística na Xornada Xornalismo, Datos e Redes Sociais, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Na inauguración do encontro a directora da Amtega, Mar Pereira, destacou o papel do xornalista no contexto actual e, especialmente, para un ámbito tecnolóxico sector, onde se manexan termos e conceptos en moitas ocasións áridos e difíciles de trasladar á cidadanía. Por iso, sinalou “precisamos da vosa capacidade e profesionalidade para achegarlle a todo o mundo ás vantaxes que a tecnoloxía achega a vida cotiá. E tamén para axudarnos da difundir o que facemos desde Galicia, contamos con grandes profesionais e cun sector tecnolóxico capaz con iniciativas que merecen ser contadas”.

A responsable da área tecnolóxica da Xunta sinalou que as redes sociais converteron a inmediatez e a interacción en condicións indispensables no xeito de comunicarse, cambiando o modelo de relación social. Un cambio que, segundo afirmou, abrangue tanto aos medios de comunicación como a calquera axente social e institución. Interactividade, comunicación en tempo real, transparencia, Goberno Aberto... “son retos que temos e que estamos a asumir, de forma progresiva.”

A directora da Amtega explicou nos últimos catro anos, a Administración galega consolidou un modelo de presenza en internet que ten como piar central o portal corporativo www.xunta.es, ao redor do cal se integran os 205 portais institucionais existentes e as 211 canles en redes sociais. Pereira destacou que o portal corporativo converteuse no referente dos servizos que a Administración ten dispoñibles a través de internet, cunha media de preto de 1 millón de visitas mensuais nos últimos catro anos e máis de 60.000 seguidores en Facebook e Twitter.

Na Xornada, abordouse tamén a dispoñibilidade de datos en formatos abertos e neste sentido, Pereira lembrou que a Xunta conta desde 2012 con portal Open Data, Abert@s ten a disposición da cidadáns e empresas preto de 300 conxuntos de datos de carácter xeográfico, estatístico, meteorolóxico, turístico, social ou económico entre outros, xerados pola propia Administración, e de gran valor pola súa fiabilidade e calidade que non estaban adaptados para ser empregados por terceiros.

Emprendemento e transparencia

A xornada comezou coa intervención da reportuiteira, comunicadora e xestora de redes sociais Laura Camino, quen tratará o emprendemento e as redes sociais, centrándose na súa experiencia no reportuiteo: o xornalismo en 140 caracteres. A continuación, o patrono fundador e director de Civio Fundación Ciudadana, David Cabo, falará da transparencia dos datos e da iniciativa www.dondevanmisimpuestos.es.

Perspectiva de xénero

Posteriormente, o vicepresidente do CPEIG, Juan Otero, abordará o tratamento nos medios de comunicación do denominado “erro informático”. Pola súa banda, a produtora e investigadora de contidos dixitais, María Yáñez, introducirá unha perspectiva de xénero co relatorio Muller e comunicación dixital. O director da edición dixital de La Voz de Galicia, Tomás García, pechará as intervencións da mañá co tema Novas perspectivas do xornalismo electrónico.

A xornada centrarase na mesa redonda Tecnoloxía para a divulgación. Nela participan o doutor en Ciencias da Información pola USC e doutor en Ciberxornalismo, Manuel Gago, quen abordará o seu proxecto Torre de Mouros; o CEO de Teltek Vídeo Research e coordinador técnico de UVigo-TV, Vicente Goyanes, quen falará da súa experiencia en Vigo iTunes U; e o doutor en Comunicación pola UCM e profesor na USC, Xaime Fandiño, quen exporá o seu proxecto Latencia 0?.

Os asistentes poderán compartir o desenvolvemento da xornada a través de twitter, co hashtag #xornalismoredes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia