Skip to main content

De tapas por Galicia concentra os concursos gastronómicos de outono das 7 principais cidades galegas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Madrid o programa De tapas por Galicia, unha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coas sete cidades galegas na que se concentran baixo a mesma denominación os concursos gastronómicos que se desenvolverán ao longo deste outono nas sete grandes cidades galegas.

Baixo a denominación de ‘De tapas por Galicia’ promoveranse conxuntamente o Concurso de tapas ‘Picadillo’, da Coruña; ‘Tapéate Ferrol’; o Concurso de tapas de Lugo, o ‘Concurso de pinchos de outono sabores de Ourense’; ‘Pontedetapas’, de Pontevedra; ‘Santiago é tapas’; e o ‘Concurso de tapas de Vigo Vello’.

Na súa intervención, na presentación de ‘De tapas por Galicia’ no Espazo Platea de Madrid, Nava Castro salientou que esta iniciativa supón, “por primeira vez”, a unión dos concursos e certames gastronómicos que se veñen celebrando ao longo do outono e durante os últimos anos nas nosas cidades baixo unha mesma denominación, “e sen minguar a personalidade individual de cada evento conseguiuse xerar un produto rexional con proxección no exterior”.

Gastronomía galega

Nava Castro referiuse en Madrid a importancia que está a acadar a gastronomía no ámbito do turismo de Galicia. Así, manifestou, “hoxe, a gastronomía ocupa o segundo lugar canto ás motivacións que teñen os turistas para visitar a comunidade galega”, logo do medio natural e a paisaxe.

Por iso -engadiu a directora de Turismo de Galicia- “puxemos o foco na organización e promoción da nosa oferta enogastronómica, apoiando a creación de distintos produtos, así como a súa difusión e promoción”.

‘De tapas por Galicia’ é pois “a posta en valor dun tipo de gastronomía alcanzable e urbana que en Galicia se desenvolveu de xeito excepcional nos últimos anos”.

Accións de difusión

A directora de Turismo de Galicia citou tamén na súa intervención as accións máis importantes para a difusión deste produto turístico entre o público xeral, das que salientou a edición dunha guía impresa coa oferta gastronómica máis importante das sete grandes cidades galegas, un apartado modelo separata dentro da guía que informa sobre esta campaña e os premios que outorgarán Turismo de Galicia e a compañía Hijos de Rivera SAU, a través da súa marca Estrella Galicia, colaboradora nesta promoción turística e patrocinadora do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela.

Ademais, toda a información sobre o programa ‘De tapas por Galicia’ está dispoñible na web www.detapasxgalicia.com desde a que se poderá participar no concurso de Turismo de Galicia cuxo premio consiste nunha noite para dúas persoas nun hotel da cidade que elixan os gañadores e unha cea nun restaurante con categoría ‘sol Repsol’ ou estrela ‘Michelin’. Os participantes neste concurso deberán subir á conta de Facebook de Turismo de Galicia as fotos das súas tapas preferidas e a máis votada polo usuarios desta rede social, será a gañadora.

Polo que respecta ao premio Estrella Galicia, está marca asociada a Galicia Calidade outorgará un premio á mellor tapa maridada con cervexa e elixida por un xurado especializado.

Tapas en Madrid

Unha vez rematada a presentación, os asistentes puideron degustar as catro tapas gañadoras dos concursos celebrados o ano pasado nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, realizadas para a ocasión polos cociñeiros Sebastián Barral, da Coruña, José Antonio Portela, de Lugo; José Luis Fernández, de Ourense; e Idoia Correa e Xosué Casanova, de Vigo.

Por outra parte, o restaurante Alegra, no centro comercial Maremagnum de Barcelona, acolle a presentación do programa ‘De tapas por Galicia’ na Cidade Condal, na que ademais da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participarán os concelleiros da área de turismo de Ferrol, Pontevedra e Santiago.

Ademais, en Barcelona, os cociñeiros Daniel López Vázquez, de Ferrol; Iñaki Bretal, de Pontevedra; e Lucía Freitas, de Santiago, cociñarán cada un a tapa gañadora na edición de 2013 do respectivo certame de tapas celebrado en cada unha destas tres cidades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia