Skip to main content

Galicia lidera no Comité das Rexións o debate sobre o futuro da Unión Europea

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, moderou na cidade italiana de Brindisi, no contexto dunha xuntanza fóra de sede da comisión CIVEX do Comité das Rexións (CdR), os debates sobre o papel que haberá de asumir esta asemblea de rexións e cidades no futuro da UE. Ás conversas estiveron convidados europarlamentarios italianos, representantes da Comisión Europea, a ministra de Asuntos Rexionais de Italia, María Carmela Lanzetta, e o ministro de Interior grego, Dimitrios Kalogeropoulos.

Esta busca dun novo encaixe do Comité das Rexións dentro do entramado da UE encádrase nunha revisión que se está a producir en todos os planos institucionais europeos no comezo deste novo ciclo, como reacción ante a desafección co proxecto europeo que evidencian os resultados das eleccións de maio. O debate das causas e a busca de solucións para reconectar coa cidadanía está a ser, polo tanto, unha prioridade na axenda comunitaria.

De tal xeito, os membros de CIVEX, a comisión competente en asuntos institucionais dentro do CdR, discutiron sobre o papel que lle corresponde asumir a esta asemblea consultiva de rexións e cidades dentro do proceso lexislativo da UE. Avogaron por reforzar os seus poderes políticos e consultivos e incrementar o impacto dos seus ditames na elaboración das políticas comunitarias a través do fortalecemento da súa posición fronte ás institucións da UE. Durante o debate lembrouse así mesmo a intervención do presidente saínte do CdR, Ramón Luis Valcárcel, na celebración do 20º Aniversario da asemblea consultiva en xuño deste ano, cando reclamou un “CdR máis forte nunha nova Europa” que podería, a medio prazo, evolucionar ata un Senado das Rexións e Cidades en Europa.

A tal respecto, Jesús Gamallo insistiu nas propostas de Valcárcel para dar un maior protagonismo ás cidades e rexións en eidos tales como a cohesión económica, social ou territorial ou o respecto aos principios de proporcionalidade e subsidiariedade. Para isto propuxo durante a súa intervención, como “gran legado do mandato do Comité das Rexións que está por rematar”, a elaboración por parte do secretariado de CIVEX dun documento de reflexión sobre o futuro encaixe do CdR no entramado institucional da UE. “Tal documento permitirá abrir este debate no próximo período do CdR, que comezará en febreiro do 2015, e, de tal maneira, garantirá o seguimento do discutido aquí en Brindisi”.

Reconectar Europa cos cidadáns

Tamén como consecuencia dos resultados das recentes eleccións europeas, na sesión de onte foi debatida unha primeira versión dun ditame de iniciativa referido á estratexia de comunicación institucional da UE e o urxente achegamento á cidadanía. Este documento será remitido á Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello da UE logo da súa aprobación, prevista para decembro.

No texto, o CdR reclama a elaboración dunha estratexia de comunicación institucional conxunta e coordinada por parte da UE, o “Plan de comunicación 2015-2019: reconectar Europa cos cidadáns”. O propósito deste documento será enviar dende todos os órganos e institucións da UE unha mensaxe homoxénea e asequible sobre aqueles asuntos que máis preocupan á cidadanía, así como sobre os maiores logros derivados do proceso de integración europeo. Ademais avógase por aproveitar a posición privilexiada dos entes locais e rexionais para apostar por iniciativas descentralizadas que permitan adaptar o contido ás culturas locais e así achegarse a quen o CdR sinala como público preferente: a mocidade, os maiores e os habitantes de zonas rurais.

“Debemos entender a mensaxe que os europeos enviaron cos seus votos nas pasadas eleccións, e tal é que a construción europea sofre un paradoxo: é máis necesaria que nunca pero ten un moi baixo nivel de aceptación, nunca visto entre os seus cidadáns. E a este paradoxo temos que darlle unha resposta”, afirmou o director xeral. “É preciso que a UE se adapte aos novos tempos e atenda ás preocupacións da cidadanía, servíndose daquelas ferramentas que as novas tecnoloxías poñen a nosa disposición para comezar un proceso de revitalización da democracia que converta a Europa nun referente a nivel global e recupere a confianza dos cidadáns”.

Política de veciñanza e defensa do Estado de Dereito

Entre outros asuntos incluídos na orde do día desta xuntanza da comisión CIVEX estivo a discusión dun proxecto de ditame sobre a Política Europea de Veciñanza, cuestión de indiscutible vixencia polos acontecementos recentes en Ucraína e Oriente Próximo, así como un primeiro achegamento ao papel que han de desenvolver os entes locais e rexionais na protección do Estado de Dereito e os dereitos fundamentais, asumindo o seu rol de administracións máis próximas ao cidadán.

Competencias da Comisión CIVEX

A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Ten competencia en múltiples eidos como a política de inmigración e asilo, a cidadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemento. Galicia forma parte desta comisión e tamén da Comisión de Cohesión Territorial desta asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia