Skip to main content

Artesanía de Galicia promove a formación en técnicas da alta costura

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organiza o curso “Técnicas de plumería para a moda”, que se celebra na Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela, ata o sábado, 27 de setembro. O prestixioso deseñador Serkan Kura, especializado nesta técnica e a súa aplicación á alta costura, é o encargado de formar os 15 profesionais galegos participantes no curso, organizado dentro do calendario de formación especializada para artesáns para o ano 2014 impulsado por esta Fundación.

O deseñador belga de orixe turca Serkan Cura está especializado nas técnicas de plumería que aplica ás súas fantásticas pezas creativas. Graduouse en deseño de moda pola Royal Academy de Amberes no ano 2007, cun proxecto no que comezaba xa a explorar dende siluetas complexas ata chaquetas de grandes dimensións ou saias longas, empregando unha ampla variedade de texturas grazas a diferentes técnicas artesanais. Rematados os seus estudos, Serkan Cura uniuse á casa de moda Jean Paul Gaultier de París, onde traballou durante catro anos no taller creativo. Desde 2012, Serkan Cura conta coa súa propia casa de moda en París.

Como cada ano, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño deseña un programa de formación especializada no que os artesáns das diferentes disciplinas poidan coñecer diferentes técnicas artesanais, así como entrar en contacto con expertos de calidade e recoñecido prestixio. A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do novo Plan de Artesanía de Galicia 2014-2016.

O curso, que botou a andar o luns, celébrase ao longo desta semana en horario de 9.30 a 14h e de 16h a 20h, consta de 50 horas de duración e está dirixido aos profesionais do sector artesán galego, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia