Skip to main content

Os responsables das políticas lingüísticas de Galicia e de Euskadi preparan o informe de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, mantivo hoxe en Santiago unha reunión de traballo co seu homólogo vasco, Patxi Baztarrika, para abordar cuestións relativas ao vindeiro informe de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM), tratado internacional aprobado polo Consello de Europa no ano 1992 e ratificado polo Goberno español en 2001 para favorecer o uso das linguas cooficiais.

Segundo está previsto, o comité de expertos da CELRM viaxará a primeiros de outubro a España para rematar a elaboración do que será o cuarto informe de seguimento do cumprimento da CELRM por parte do Estado español, correspondente ao período 2009-2011. En Galicia serán recibidos por membros do Goberno galego e doutras institucións representativas dos principais ámbitos que observa o devandito informe. Será a primeira vez que esta comisión de seguimento visite a nosa comunidade autónoma.

Estreita colaboración na promoción do galego e do éuscaro

A Xunta de Galicia e mais o Goberno Vasco-Eusko Jaurlaritza manteñen unha estreita colaboración en materia de política lingüística, amais de participar conxuntamente en proxectos comúns que inciden na promoción do uso do galego e do éuscaro, como son a Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD) ou o Protocolo de colaboración asinado en 2007 e no que tamén participa a Generalitat de Cataluña.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia