Skip to main content

Os sons do vento que pasa chega da man de FalaRedes 2014 a Curtis e Bóveda

O concerto de fados en galego ‘Os sons do vento que pasa’ chega a dous novos concellos da man do FalaRedes 2014, o programa de fomento da nosa lingua promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O innovador espectáculo da compañía Elefante Elegante fará parada o sábado na localidade coruñesa de Curtis, ás 16:30 h no edificio multiusos, e o domingo na lucense de Bóveda, ás 18:30 h no centro sociocultural.

Destinada a público de todas as idades, con esta proposta a veciñanza poderá achegarse á música tradicional portuguesa a través do noso idioma grazas a un coidado concerto no que Gonçalo Guerreiro pon a voz e Dani Pais o acompañamento musical e dixital.

As cantigas, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos.

De xira desde o pasado mes de xuño, ‘Os sons do vento que pasa’ chegará ata finais de ano da man de FalaRedes a un total de 36 vilas galegas adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Así, tras as actuacións desta fin de semana, o aplaudido espectáculo visitará proximamente Noia, Lousame, Outes e Oleiros. Xa no mes de novembro, chegará a Verín, Foz e Cuntis, pechando en decembro a súa xira na localidade coruñesa de Arzúa.

Os Bolechas e o Sabichón, un éxito rotundo

FalaRedes proseguirá así percorrendo os concellos da RDL logo de concluír a semana pasada a súa proposta infantil Os Bolechas e o Sabichón, o divertido concurso que fixo as delicias de máis de 12.000 cativos e as súas familias.

Proba do seu éxito foron os constantes cheos absolutos que colleitou nos 56 concellos que visitou desde maio, onde os nenos e nenas de 4 a 8 anos se achegaron ao galego de xeito lúdico e didáctico da man dos seus personaxes preferidos, a familia Bolechas, un referente moi positivo asociado á nosa lingua.

Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas coas que busca reforzar a súa oferta de ocio na nosa lingua.

Completan esta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que tamén concluíron con grande éxito as súas xiras, e a obra de teatro As fabas máxicas, que só ten pendente unha última función.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia