Skip to main content

7 de cada 10 fogares galegos conéctase a internet de banda longa en 2014

Un 69,1% dos fogares de Galicia están conectados á Rede mediante banda larga, un 8% máis que en 2013, o que sitúa á Comunidade a catro puntos da media estatal, que creceu un 6%. Así o indican os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre equipamento e uso das tecnoloxías da información e comunicación nos fogares en 2014.

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), os datos constatan que nos últimos catro anos se incrementaron en preto dun 50% os fogares galegos que contan co servizo de banda larga contratado. En 2010, ano no que arrancaba o Plan de Banda Larga da Xunta, a porcentaxe de fogares con internet contratado era do 46,5%.

Tipo de conexión e hábitat

Respecto ao tipo de conexión, cabe salientar que entre as vivendas que dispoñen de acceso a Internet en Galicia, un 82,9% accede a través de dispositivos móbiles, 1,2 puntos máis que a media estatal. A conexión a Internet a través de rede por cable ou fibra óptica sitúase nun 26,8%, 5,9 puntos máis que a media estatal (20,9%).

Respecto aos datos relativos ao tamaño do hábitat, é salientable que, por primeira vez, nos concellos con poboación de 20.000 a 50.000 habitantes, a media galega supera á estatal nos 3 indicadores principais: vivendas con ordenador, con acceso a Internet e con banda larga. Así, a porcentaxe de vivendas con ordenador acada case o 80%, superando a media estatal en 7,1 puntos. Ademais, no caso da conexión de banda larga (73,4%), tamén se supera a media estatal en 1,4 puntos.

Equipamento TIC dos fogares galegos

Segundo os datos que ofrece o INE, o 72,6% dos fogares galegos dispón dalgún ordenador, diminuíndo 2,7 puntos a distancia respecto da media estatal e experimentando un incremento do 6% con respecto aos datos do ano anterior. A media estatal (74,8%) rexistrou un crecemento de tan só 1,9% no último ano.

Uso das TIC

O 68,4% dos galegos e galegas utilizaron o ordenador nos últimos tres meses, reducindo a diferenza coa media estatal en 0,7 puntos porcentuais. Un 69,3% da poboación galega empregou Internet nos tres últimos meses, cun incremento do 6,1%, con respecto ao ano anterior, semellante ao crecemento do conxunto do Estado (6,4%).

Un 25,9% da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de Internet nos últimos tres meses, situándonos a 1,6 puntos da media estatal e experimentando un crecemento do 22,2% respecto ao ano anterior, lixeiramente por riba da taxa de variación interanual estatal (21,1%).

Unha das conclusións máis positivas desta última enquisa do INE é que, por primeira vez, Galicia avantaxa á media estatal no uso de ordenador e de Internet no grupo de idade de 16 a 44 anos. No caso da utilización de Internet nos tres últimos meses, a proporción de galegos de 16 a 44 anos superou o 91%, e sendo especialmente significativo no caso dos mozos de 16 a 24 anos que acada o 100%.

Ademais, Galicia experimentou unha evolución moi positiva no uso de Internet cando menos unha vez á semana entre os maiores de 55 anos, con incrementos do 26,1% no tramo de idade de 55 a 64 anos e dun 49,6% nos maiores de 65 anos.

O uso dos servizos de Internet, por parte dos internautas galegos presenta, na maioría dos casos, valores superiores aos do resto do Estado. Un 87,3% le ou descarga xornais ou revistas en liña, case 10 puntos porcentuais por riba da media estatal. Un 65,3% dos galegos usuarios de Internet participa en redes sociais.

É significativo o maior uso dos galegos en servizos como a solicitude da cita médica a través da páxina web (case 14 puntos máis que a media estatal). e en servizos relacionados co entretemento, tales como xogos, películas e música, preto de 4 puntos máis que a media estatal.

A Administración electrónica

Segundo os datos do INE Galicia ascende un posto e pasa a ocupar a 1ª posición na interacción coas Administracións Públicas a través de Internet cunha porcentaxe do 72,6%, 9,2 puntos máis que a media estatal

Segundo a forma de interacción, Galicia tamén ocupa a 1ª posición no ranking de Comunidades Autónomas para obter información de páxinas web da Administración e a 2ª posición na descarga de formularios, sendo só superada pola Comunidade de Madrid. Ademais, ascende 4 postos no ranking respecto ao envío de formularios cumprimentados, pasando da 7ª posición no ano 2013 á 3ª posición no 2014.

Concretamente, un 67,8% dos internautas galegos obtivo información de páxinas web da Administración (7,8 puntos máis que a media estatal), un 48,9% descargou formularios oficiais (4,8 puntos máis que a media estatal) e un 40,6% enviou formularios cumprimentados a través de Internet (3,5 puntos máis que a media estatal).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia