Skip to main content

Compostela acolle unha nova edición da Semana de Cine Euroárabe Amal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe ao financiamento da nova edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, que ofrece do 13 ao 18 de outubro en Santiago de Compostela unha escolma de nove filmes xunto cunha serie de actividades paralelas como o concurso de curtametraxes Amal Express e a sesión Amal Infantil.

O apoio do departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ao evento que organiza a Fundación Araguaney-Ponte de Culturas materialízase este ano a través dunha achega de 13.854 euros, adxudicados a primeiros de marzo pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como resultado da súa primeira convocatoria pública de subvencións a festivais audiovisuais. Completan a relación de eventos beneficiarios desta liña de axudas o Play-Doc de Tui, o Festival de Cans, a (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña e o Curtocircuíto de Santiago.

En nome de Cultura e Educación, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na presentación da nova entrega desta Semana de Cine Euroárabe xunto ao presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim, e ao director de Amal, Ghaleb Jaber Martínez.

Singularidade e especialización

Durante a súa intervención, Sutil destacou o lugar relevante que ocupa este evento compostelán dentro do panorama de festivais audiovisuais galegos “polo seu interese xeral, a súa singularidade e a transcendencia artística e cultural da súa carteleira”. Neste mesmo sentido, incidiu na “particularidade e o interese adicional que conleva a súa especialización no cinema euroárabe, tanto desde o punto de vista da produción das fitas seleccionadas como da súa temática xeral”.

Entre as nove películas –seis obras de ficción e tres documentais– que serán exhibidas no Auditorio Abanca atopamos tanto estreas recentes, como unha escolma dos mellores títulos que teñen pasado polo festival nos últimos anos. O obxectivo é ofrecerlle aos espectadores una panorámica do mellor cinema que se está a producir nos países árabes e tamén en coprodución con Europa e Norteamérica.

Actividades paralelas

O festival é o marco, así mesmo, dunha nova edición do Amal Express, o seu concurso de curtamentraxes a través do que busca fomentar a creatividade e a innovación, ademais de promover a cultura en soportes dixitais a través do cinema. Os participantes dispoñen de 72 horas, contadas a partir das 12.00 do luns 13, para realizar unha curta baseada na palabra clave que será desvelada pola organización nese momento. A dotación do premio é de 500 euros.

Entre as actividades paralelas destaca igualmente o Amal Infantil, que se desenvolverá como peche do festival o sábado día 18. Trátase dun evento familiar con diversas actuacións e a proxección da curta ‘El viaje de Said’, Premio Goya 2006 á mellor curtametraxe de animación.

Máis información: http://www.festivalamal.es/
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia