Skip to main content

O autor de Memorias dun neno labrego, Neira Vilas, recibe o Premio Otero Pedrayo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a Neira Vilas como a proba de que Galicia deixou de ser o que foi e é o que é “porque conta con fillos que atesouran unha forza enorme para facela máis sólida e máis grande”. “A literatura de Neira Vilas é a aplicación práctica dese principio”, abundou.

Durante o acto de entrega do Premio Otero Pedrayo -que conceden anualmente as deputacións provinciais-, Feijóo subliñou que ademais de rebelarse contra o determinismo, o máis asombroso do galardoado non é a cantidade inxente de libros ou de artigos que se van sumando á súa biografía, senón que todo iso o fai “sen asomo ningún de fachenda nin de violencia verbal”. “Rescata da memoria nenos labregos, pero tamén toda unha Galicia, cunha admirable tranquilidade”, aseverou.

Nesta liña, incidiu en que letra a letra, “a obra de Neira Vilas é unha revelación das nosas amarguras, e tamén das nosas capacidades para erguernos, que xorde dunha serenidade abrumadora”. “Non hai fanatismo ningún. O seu compromiso social nace nada máis -e nada menos- que describindo a verdade. Poderíase dicir que as súas formas son as mesmas que comparten a maioría dos galegos. Neira Vilas é un de nós. Por iso nos conquista”, engadiu.

Durante a súa intervención, o titular da Xunta subliñou que ademais de franqueza na súa obra, “hai bondade na persoa”, ao sentirse a gusto poñendo o seu gran de area desde a Fundación Neira Vilas, ou en cada centro de ensino que o chama, en cada concello que llo pide e en cada fundación que lle reclama a súa presenza.

Feijóo afirmou que Galicia está en débeda con Xosé Neira Vilas polos seus libros, “por volver á que sempre foi a túa casa e traer á terra todo o aprendido”. “Está en débeda contigo por abrirnos ao mundo coa historia de Balbino, que é a máis lida e traducida da literatura galega. Pero, por se todo iso fose pouco, Galicia tamén está en débeda contigo pola túa enorme xenerosidade”, concluíu.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia