Skip to main content

Focus Galicia achega a riqueza musical e cultural a programadores de 16 países

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou Focus Galicia, un programa especial que se desenvolverá do 19 ao 22 de outubro na Coruña, Ourense e Santiago como espazo para a proxección internacional da nosa música mediante o encontro entre artistas galegos e programadores chegados de 16 países de catro continentes.

Como adiantou Vázquez Abad, un total de 27 xestores musicais foron seleccionados para participar nesta iniciativa entre os principais delegados acreditados este ano en Womex, o meirande mercado internacional de 'world music', que se celebrará en Santiago do 22 ao 26 de outubro. Así, nas xornadas previas a esta feira, terán a oportunidade de entrar en contacto directo coa riqueza musical e cultural de Galicia a través dun intenso calendario de actividades que inclúe encontros profesionais, visitas a espazos culturais e 12 concertos de artistas galegos en formato 'showcase'.

Cultura e Educación organiza este programa, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas, co obxectivo de aproveitar a viaxe destes profesionais para impulsar a posta en valor, a difusión e a proxección exterior da música feita en Galicia, ao tempo que se promociona a nosa cultura patrimonial e mesmo paixasística. Esta delegación internacional estará integrada por representantes de destacados festivais, circuítos e espazos culturais procedentes de países tan diversos como Alemaña, Austria, Brasil, Canadá, Colombia, Francia, Holanda, India, Irlanda, Marrocos, Polonia, Portugal, Noruega, Reino Unido e Xapón, así como do resto de España.

Selección de 12 artistas e grupos

O conselleiro explicou que a carteleira de concertos de Focus Galicia, que se abrirán tamén ao público de xeito gratuíto e previa recollida de convites nas billeteiras dos espazos, está configurada por unha selección de 12 formacións escollidas por unha comisión independente entre os grupos e artistas galegos presentados inicialmente á convocatoria realizada pola organización de Womex: Abe Rábade, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Cuarteto Caramuxo, Sés, Sumrrá, Najla Shami, Rosa Cedrón, Caxade, Radio Cos, Daniel Minimalia e Luar na Lubre.

A calidade, a variedade de estilos e o potencial de proxección internacional foron os criterios tidos en conta á hora de compoñer esta programación musical, que servirá de complemento e reforzo á oferta galega que se presentará en Womex nos días seguintes, coas actuacións de Davide Salvado na selección oficial da feira, Germán Díaz e Uxía no escenario Atlantic Connections, e Budiño, Mercedes Peón e Xabier Díaz no concerto de apertura.

“Toda a carteleira, nunha visión de conxunto, compón unha magnífica mostra da variedade e calidade da música galega actual e da mestría dos compositores e intérpretes galegos á hora de diversificar, recrear e mesmo reinventar a música galega no século XXI, sen renunciar á nosa rica e profunda tradición neste ámbito”, afirmou o titular de Cultura e Educación nesta presentación aos medios, na que estivo acompañado polo director da Agadic, Jabobo Sutil, e pola mánager musical Patricia Hermida.

Catro xornadas de actividade

Focus Galicia arrancará este domingo día 19 en Compostela coa recepción á delegación por parte das autoridades e o primeiro dos concertos do programa, que terá lugar ás 21.00 horas na Sala Capitol da man de Radio Cos, Banda Crebisnky e Som do Galpom.

O luns día 20 a delegación porá rumbo cara á Coruña, cunha primeira parada no Obradoiro de Gaitas Seivane, en Cambre. Xa pola tarde e tras unha visita guiada pola cidade herculina, os participantes gozarán das actuacións de Najla Shami e Luar na Lubre ás 19.00 horas no Teatro Rosalía Castro. Esta segunda xornada finalizará de volta en Santiago cos ‘showcases’ de Sumrrá e Rosá Cedrón na Casa das Crechas a partir das 22.00 horas.

No terceiro día de actividade, o martes 21, os programadores viaxarán á terra do Ribeiro para coñecer os vínculos entre o patrimonio cultural de Galicia, a práctica ancestral do cultivo da vide e a inserción do sector vitivinícola no tecido industrial. No seu percorrido, achegaranse ás Adegas Viña Mein e Ramón do Casar, onde actuarán Abe Rábade e Daniel Minimalia. Pola tarde, terá lugar unha visita guiada á cidade de Ourense, así como as actuacións de Caxade e Cuarteto Caramuxo no Teatro Principal (19.00 horas). De novo, a xornada rematará na Casa das Crechas, neste caso cun ‘showcase’ de Sés ás 22.00 horas.

Focus Galicia rematará o mércores 22, coincidindo co inicio de Womex, cun encontro profesional entre os programadores convidados e os representantes de diferentes empresas musicais que terá lugar ás 11.00 horas na Cidade da Cultura de Galicia.

Durante esta última acción do programa, deseñada a modo de ‘speed meeting’, terase unha nova oportunidade de incidir nas prioridades desta iniciativa a través da que, como sinalou Vázquez Abad, se busca “mellorar o coñecemento da música de Galicia a nivel internacional, facilitar a contratación de artistas atraendo a demanda internacional, contribuír a fidelizar relacións e contactos profesionais, así como deseñar e desenvolver programas e accións conxuntas para o futuro inmediato”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia