Skip to main content

O presidente da Xunta ensalza a figura do Padre Feijóo como home que construíu pontes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o achegamento á figura do Padre Feijoo “fainos atopar un home que constrúe pontes”, e destacou que a súa obra esboza “os grandes valores que impregnan a nosa cultura democrática”. Así o manifestou na inauguración da exposición O padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria.

O mandatario galego sinalou que o Padre Feijoo foi “un cidadán libre que buscou a liberdade a través da verdade” e que, “facendo dela un facho, alumeou unha nova visión da fe, da razón, dos deritos da muller, de Galicia e de España. Foi un cidadán da sabedoría que quizais algún día soñou que aquelas palabras súas serían semente dun tempo novo”, abundou.

Salientou que se trata dun autor “involucrado co seu tempo”, e que na súa obra “concilia a razón coas crenzas relixiosas, establecendo un diálogo que se adianta en séculos ao que agora xa é algo asumido sen demasiadas controversias”.

O Padre Feijoo, dixo, “é un galego de berce, formación e pensamento”. Así, apuntou que o seu primeiro mundo foi Pereiro de Aguiar, e os chanzos primeiros da súa formación estiveron en Allariz, Santo Estevo de Ribas de Sil, Samos e Pontevedra. Segundo destacou, é un autor consultado como refrente intelectual e a súa obra, na que “tivo tempo de defender o idioma galego e achegar propostas anovadoras para a vida económica e social de Galicia”, dixo, foi traducida ás principais linguas europeas. Propostas, agregou, “para aquela España que se resituaba en Europa sen esquecer que a mellor maneira de ser español era ser galego”.

O presidente da Xunta concluíu destacando a vixencia do pensamento do Padre Feijoo, e asegurando que os visitante da mostra “non atoparán un vstixio do pasado, senón algo seu e do seu tempo. Sentirán que son portadores de valores que merecen ser conservados”, indicou.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia