Skip to main content

Feijóo busca o apoio dos empresarios para a estratexia de internacionalización galega

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a unidade de acción entre a Xunta, emprendedores e entidades financeiras, para incrementar o peso das exportacións no PIB ata o 40% en 2020. Con este obxectivo reuniuse coas principais empresas exportadoras galegas no Foro da Internacionalización. “Trátase, en definitiva, de buscar e intercambiar conxuntamente as mellores experiencias para trasladalas ao tecido produtivo galego. Mellorar a capacidade exportadora das empresas galegas para incrementar a participación das exportacións no PIB ata o 40% en 2020; acadar un crecemento do 25% no número de empresas exportadoras; e incrementar as exportacións galegas en máis dun 25%, ata superar os 23.000 millóns de euros”, sentenciou.

Conscientes de que competir fóra non só é o mellor xeito de saír da crise senón de estabilizar a nosa economía, Feijóo presentou no foro a Estratexia de internacionalización da Empresa Galega 2020 aprobada pola Xunta, coa finalidade de enriquecela neste encontro, “porque o Goberno galego –aseverou- quere escoitar aos que están exportando, para poñer en común e axudar aos que aínda non deron o salto á exportación e á internacionalización das súas compañías”.

Incrementar o número de empresas e o volume de exportacións e atraer investimentos

Ao fío disto, o presidente da Xunta lembrou que esta estratexia conta con tres retos fundamentais: incrementar o número de empresas que están exportando, incrementar o volume das exportacións e seguir insistindo na atracción de investimentos a Galicia. Todo iso, baseándose en cinco grandes eixos.

No tocante ao primeiro eixo –insistir na cultura da internacionalización-, Feijóo referiuse a activación, por parte da Administración, dunha xanela única que facilite aos emprendedores servizos, recursos, formación e información para a súa saída ao exterior. Todo iso co obxectivo de promover que os emprendedores se internacionalicen, fomentando as análises estratéxicas e a súa formación, e concienciándoos sobre a importancia da procura de novos mercados.

Coa finalidade de incrementar a presenza nos mercados internacionais, o titular da Xunta avanzou o desenvolvemento de 10 plans operativos sectoriais específicos para as áreas estratéxicas da economía galega: automoción, naval, forestal, agroalimentario, téxtil, sector TIC, sector da enerxía (renovables), sector da lousa, sector da pedra e biotecnoloxía. E, co obxectivo de atraer investimentos a Galicia (terceiro eixo), subliñou que a Comunidade galega é un lugar axeitado para investir, “pola súa estabilidade e pola súa política económica previsible”.

Neste proceso, e tamén na internacionalización, o presidente do Goberno galego destacou a importancia das entidades financeiras: con medidas de circulante para as empresas que queren exportar; con medidas de financiamento a longo prazo para que teñan recursos que lles permitan instalar delegacións; e, con programas de garantías e seguros que cubran envíos e recepcións de mercadorías internacionais.

Así mesmo, Feijóo solicitou aos participantes no foro a súa implicación para, “conxuntamente”, detectar chanzos da cadea de valor que son completados fóra de España, pero que poderían situarse e establecerse en Galicia. É dicir, traballar en identificar conxuntamente aqueles segmentos do proceso de produción e distribución dos distintos sectores produtivos, que sexan susceptibles de ser desenvolvidos integramente en Galicia.

Reforzar a marca Galicia Calidade

Logo de apostar polo reforzamento da marca Galicia Calidade como imaxe global da economía galega, Feijóo incidiu na necesidade de que todas as actuacións se leven a cabo desde a unidade de acción: “Cooperar e establecer unha axenda de internacionalización de Galicia”, aseverou, logo de lembrar que para acadar este obxectivo, a Administración conta, por exemplo, coa Plataforma de Fomento da Internacionalización, “que está á disposición de todos”; e coa Rede Pexga, “que podemos valorar se estendemos ese modelo para facer antenas comerciais”.

Feijóo concluíu a súa intervención incidindo en que, se ben queda moito traballo por facer, Galicia é unha das comunidades que máis exportou e que sufriu menos a recesión económica no seu PIB. “E, agora, no momento en que se aprecia un incremento do PIB da economía española non podemos quedar rezagados porque temos capacidades instaladas nos nosos sectores produtivos”, dixo.

O responsable autonómico insistiu no papel central da internacionalización na economía galega, que lle permitiu afrontar a crise en mellores condicións que outros territorios.

Feijóo lembrou os grandes avances que Galicia ten experimentado neste eido nos últimos anos, entre os que destacan un incremento de case un 30% no número de empresas exportadoras, que en 2013 acadaron un récord histórico de vendas ao exterior por valor de 18.424 millóns de euros. Así, as exportacións representan xa un 33,9% do PIB, fronte o 25% de 2008, sendo a nosa a Comunidade na que máis aumentaron o seu peso relativo durante o último ano.

O responsable autonómico quixo remarcar a aposta da Xunta pola internacionalización que, xa desde o inicio da crise, ten sido unha das grandes prioridades do Goberno autonómico. Grazas a ela, a nosa é unha economía cada vez máis aberta e menos dependente do mercado nacional, en palabras do mandatario autonómico, que amosou a súa certeza de que os galegos temos capacidade para competir no exterior.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia