Skip to main content

Galicia mantén co novo ministro de Xustiza o compromiso da planta xudicial

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou co novo ministro de Xustiza, Rafael Catalá, o compromiso de manter a actual organización da planta xudicial galega que “queda -aseverou- nunha situación de seguridade e estabilidade”. Con estas palabras, Feijóo fixo referencia así á reforma da Lei Orgánica do Poder xudicial, engadindo que “os galegos manteremos as nosas infraestruturas de atención ao cidadán, a proximidade da Xustiza e dos seus xulgados”.

Tras unha reunión co máximo responsable do Ministerio de Xustiza, Feijóo expresou o agradecemento da Comunidade “por ser atendidos e entendidos” desde o punto de vista da situación xeográfica e poboacional; e por poder trasladar a todos os galegos que van seguir mantendo unha Xustiza de proximidade e unha organización territorial conforme ao solicitado nos últimos meses”.

Ademais da reforma xudicial, Feijóo e Catalá tiveron a oportunidade de falar sobre a xustiza gratuíta e as taxas xudiciais. Neste eido, e logo de lembrar que Galicia está a facilitar unha xustiza gratuíta a moitos cidadáns, mantendo unha excelente colaboración cos colexios de avogados e procuradores, o presidente autonómico expresou a coincidencia co ministro “na importancia de manter ao día os pagamentos na xustiza gratuíta, e de ter unha relación directa e franca cos nosos interlocutores”.

O presidente da Xunta destacou tamén o esforzo do Goberno galego no eido da modernización da Xustiza, especialmente no que a tecnoloxías ser refire. Así, mencionou a posta en marcha de varios proxectos co Ministerio, co obxectivo de empregar os servizos informáticos da Comunidade para implementar determinados programas en materia de xustiza e, desde aí, replicalos a outras comunidades. “Confirmamos o noso interese en seguir colaborando e en seguir xunto co Ministerio desenvolvendo programas informáticos nos que, ao noso entender, se basea a modernización da Xustiza. É dicir, na diminución dos tempos na tramitación”, aseverou, destacando a rapidez como un dos principios básicos da Xustiza, tanto á hora de atender os problemas dos cidadáns como na de toma de decisións.

Feijóo concluíu insistindo na satisfacción de que as demandas da Comunidade galega “quedan resoltas e atendidas”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia