Skip to main content

Un estudo da ACSUG reflexa un incremento do 5% na inserción laboral dos titulados universitarios

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, celebrou o incremento do 5% na inserción laboral dos titulados do SUG, un dato que se desprende do avance dos resultados do último informe realizado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) sobre os egresados que remataron os seus estudos no curso 2010/2011. Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que este feito racha por primeira vez desde 2007 cunha tendencia baixista, “o que é unha enorme satisfacción para esta Consellería, e estou seguro de que o será tamén para o conxunto da sociedade galega”.

Vázquez Abad anunciou tamén en rolda de prensa que os resultados de inserción laboral de anos anteriores van estar dispoñibles na páxina web da Consellería desagregados por centros titulacións, “algo que é posible grazas á profundidade do estudo, froito do minucioso traballo que realiza a ACSUG”. Así mesmo felicitou á axencia por ter renovado a súa acreditación europea, o que a confirma por un período de outros 5 anos como membro de pleno dereito da Asociación Europea para a Garantía da Calidade da Educación Superior (ENQA), organismo a nivel europeo do que forman parte axencias de calidade de educación superior de 25 países europeos, e do que a ACSUG forma parte desde 2009. “A importancia de estar en ENQA, é especialmente relevante, pois son requisitos indispensables das axencias de calidade de educación superior españolas para poder realizar a verificación e acreditación dos títulos universitarios oficiais”. Así mesmo o conselleiro fixo fincapé en que a avaliación externa internacional á que se somete á axencia para revalidar a súa pertenza á asociación confirma o bo facer desta entidade independente.

Na rolda de prensa participaron, ademais do conselleiro, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e mais a presidenta e o director da ACSUG, Patrocinio Morrondo e Eduardo López, respectivamente.

Mellora de resultados

Durante a súa intervención o conselleiro quixo destacar á ACSUG como axencia pioneira a nivel estatal na realización dun estudo profundo e minucioso de inserción laboral dos titulados universitarios, un informe que é n referente no Estado, clara mostra da transparencia e do exercicio de avaliación que se fai do Sistema Universitario de Galicia desde esta entidade independente.

Segundo se recolle dos primeiros resultados obtidos a partir da enquisa realizada en decembro de 2013 aos titulados no curso 2010/2011, a porcentaxe de egresados que se atopaba traballando era do 63,3%, fronte ao 58,3% do estudo inmediatamente anterior, un incremento de 5 puntos. No que atinxe ao lugar no que atoparon traballo, o 82,52% desempeñábao en Galicia, o 13,55% no resto de España e o 3,93% no resto de Europa do mundo. “Datos case idénticos aos anos anteriores –dixo- que demostran que os graduados galegos quedan a traballar en Galicia e en España”.

Cómpre lembrar que a finalidade destes estudos é, principalmente, servir de apoio as institucións universitarias aportando resultados que, pola súa natureza, contribúen ao deseño de estratexias para a revisión e mellora da calidade da oferta universitaria no SUG, minimizando as distancias entre os obxectivos de aprendizaxe e os requirimentos profesionais e de empregabilidade.

Datos desagregados

Por outra banda Vázquez Abad anunciou a publicación no web da Consellería dos datos de estudos anteriores desagregados por centros e titulacións, de xeito que cada centro poda incorporar as suxestións dos titulados para modificar e mellorar nos vindeiros anos os plans de estudos de grao que imparten.

Entre a información facilitada desde hoxe en http://www.edu.xunta.es/web/ poderase atopar o tempo medio en rematar unha carreira e porcentaxes de titulados que empregaron anos a maiores en rematala, o número de titulados de cada promoción, o tempo medio en atopar o primeiro emprego desde a obtención da titulación, a porcentaxe de titulados que traballan aos dous anos de obter a titulación, ou a porcentaxe de titulados que están en traballos relacionados cos seus estudos universitarios.

Trátase, polo tanto, de datos que axudan a contextualizar a demanda formativa actual existente no mercado laboral, aportando información para os futuros estudantes, grupos de interese e sociedade en xeral, que contribúa a toma de decisións dos futuros estudantes.

5 anos máis como membro de ENQA

O conselleiro rematou a rolda de prensa felicitando á ACSUG por conseguir manterse como membro de pleno dereito da ENQA por un período de 5 anos máis, tras a súa entrada nesta asociación no ano 2009. Para conseguilo, a axencia tivo que superar un

No ano 2009 a ACSUG foi aceptada nesta asociación, tras comprobar este organismo mediante un estrito proceso de avaliación que a axencia cumpría cos “Criterios e Directrices para a Garantía da Calidade no Espazo Europeo de Educación Superior”. Estes criterios establecen unha serie de requisitos comúns a ter en conta polas axencias e polas universidades, e que indican, no caso do seu cumprimento, un compromiso coa calidade, transparencia, independencia, criterios éticos e realización adecuada dos servizos e actividades.

Para renovar esta acreditación europea o comité externo de ENQA, responsable do proceso de avaliación, realizou en abril de 2014 unha visita á axencia para comprobar ‘in situ’ o cumprimento dos criterios e directrices europeos. Este comité reuniuse con representantes de todos os grupos de interese do SUG: persoal da ACSUG, membros dos diferentes órganos da axencia, representantes do goberno autonómico e das universidades, avaliadores e expertos externos que colaboran coa ACSUG, estudantes, empresarios, etc. O comité externo emitiu posteriormente un informe final, que foi analizado polo Consello de Goberno de ENQA na súa xuntanza do 19 de setembro de 2014, e co que se confirmou a renovación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia