Skip to main content

A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro: Opositar, reto y oportunidad

A delegación da Xunta de Galicia en Madrid foi o escenario elixido polos coordinadores do libro editado por Wolters Kluwer "Opositar: reto y oportunidad", Diego Vigil de Quiñones Otero, rexistrador da Propiedade e Raquel Marañón Gómez, letrada das Cortes Xerais. A obra, informa do que hai que saber das principais oposicións (xa sexan para desempeñar funcións no poder xudicial, lexislativo, administración xeral ou os órganos constitucionais e corpos especiais), e inclúe ademais unha recompilación de testemuños escritos por funcionarios novos que ingresaron recentemente nos diferentes corpos funcionariais (opositores do século XXI), mostrando tamén as oposicións dende unha perspectiva vital.

No acto interviñeron, ademais dos coordinadores: o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López e o presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.

Para Ónega, "este libro posúe unha información tan completa, exhaustiva e útil que se fai necesario e imprescindible para os que aspiren a opositar, ou os que necesiten orientación para os seus".

Para Diego Vigil, Galicia deu moitos e grandes profesionais á Administración, unha afirmación que corroborou con datos: "mentres que a poboación de Galicia supón só o 8% do total de España, case a cuarta parte dos altos funcionarios do Estado son galegos", citando entre eles a, Romay Beccaría, Ónega, Rajoy, ou o presidente do BBVA Francisco González. Pero tamén é un camiño de volta, como o proba que, Galicia, especialmente Lugo e Ourense, sexan o primeiro destino de moitos xuíces, rexistradores e notarios, en localidades como A Fonsagrada, a Pobra de Trives, Viana do Birlo, Becerreá, Carballino, Bande, Celanova, ou Quiroga, que son frecuentes destinos dos recén aprobados.

Para Raquel Marañón, "como mozos que somos tocounos vivir uns tempos en que a función pública se encontra cuestionada e queremos con este libro poñer en valor o estudo e o esforzo como un ben por se mesmo, e o traballo de servizo público, que contribúe a unha sociedade mellor".

As intervencións pechounas Romáy Beccaría, quen subliñou nas súas palabras que as oposicións "son senllas de gloria, sinais de identidade do esforzo, do traballo, e a dedicación dunha longa travesía" e engadiu que "España ten que estar orgullosa dos seus grandes corpos da Administración Pública, un dos seus tesouros ocultos,".

O acto contou coa asistencia do presidente do Consello Consultivo da Comunidade de Madrid; o presidente da Cámara de Contas; Letrados do Consello de Estado; dirixentes do Colexio de Rexistradores, así como unha ampla gama de altos funcionarios de diferentes administracións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia