Skip to main content

O encontro Castelao, nova interpretación do seu pensamento revisa a súa figura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de apertura oficial do Encontro “Castelao. Nova interpretación do seu pensamento”. Este curso, promovido pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e mais pola da Fundación Castelao, desenvolverase ata o mércores 5 de novembro no Museo da Madeira e do Moble-MOME estradense e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como coa da Deputación de Pontevedra e coa das tres universidades galegas.

Amais de García Gómez, participaron no acto inaugural o presidente da Fundación Castelao e director do Encontro, Carlos Mella; o director da UIMP de Galicia; Domingo Bello Janeiro; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; e o alcalde da Estrada, José López Campos.

‘Castelao. Nova interpretación do seu pensamento’

O Encontro “Castelao. Nova interpretación do seu pensamento” diríxese principalmente ao estudo do pensamento de Castelao e á súa aplicación á nova realidade galega, constatando a súa vixencia para a análise desta realidade.

O programa de sesións de hoxe inclúe unha conferencia de Xesús Alonso Montero arredor da estadía de Castelao na Unión Soviética. Mañá, unha de Xusto Beramendi centrada en Castelao e a política abrirá a xornada, seguida doutra de Miguel Anxo Seixas sobre a estadía de Castelao en Nova York e doutra na que Henrique Monteagudo afondará na figura do rianxeiro e o idioma galego.

A derradeira sesión abrirase, o mércores, coa conferencia “Castelao e o home galego”, de Marcial Gondar Portasany; á que seguirá “Que nos queda de Castelao?”, da man de Lourenzo Fernández Prieto. A mesa redonda “Encontros contemporáneos. Virxinia e Castelao”, na que participarán Xosé Neira Vilas, Ana Acuña e Xabier Baltar, clausurará este curso, que se completará cun roteiro polo Pazo de Oca e pola Torre de Guimarei.

Toda a información en http://www.uimp.es/uxxiconsultas/ficheros/5/27083CASTELAO.pdf.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia