Skip to main content

O proxecto Samsung smart school achega as novas tecnoloxías ás escolas rurais galegas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director de Cidadanía Corporativa e Relacións Institucionais de Samsung, Francisco Hortigüela, visitaron o CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio, o único centro educativo de Galicia integrado no proxecto ‘Samsung Smart School’ a proposta do departamento educativo da Xunta. O obxectivo desta iniciativa é impulsar a aprendizaxe do alumnado a través das novas tecnoloxías, centrándose na ruptura da fenda dixital, nos casos de centros que se vexan afectados por circunstancias desfavorables como o feito de estar situado no rural, ter unha alta taxa de abandono educativo temperán ou contar cun entorno económico cunha alta ratio de desemprego.

Neste sentido o conselleiro salientou a importancia deste tipo de proxectos en zonas do rural como este de Vilar de Barrio, na mesma liña na que – no seu día- o Proxecto Abalar apostou por levar as TIC ás aulas dando prioridade ás provincias do interior. “Estamos a falar dun centro plurilingüe, con seccións bilingües e cun auxiliar de conversa estadounidense, que participa en todos os programas innovadores da Consellería, como os contratos-programa, o Abalar, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE)”. “Centros como este - engadiu- son un claro referente dos grandes pasos que estamos a dar en Galicia para ter un sistema educativo dunha soa velocidade”.

Pola súa parte, Francisco Hortigüela, director de Cidadanía Corporativa e Relacións Institucionais de Samsung, sinalou que “Desde Samsung cremos firmemente nas grandes posibilidades que a tecnoloxía ofrece ao ámbito educativo e que o noso deber como empresa é axudar á sociedade e sobre todo aos que máis o necesitan. Con este proxecto realizado no CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio temos como obxectivo último poder crear unha guía que axude a transformar a educación e a incorporación da tecnoloxía na aula.”

Na súa visita ao centro ambos estiveron acompañados pola directora do mesmo, Manuela Iglesias; polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, Mercedes Gallego.

Durante o percorrido polo CEIP, Vázquez Abad e Hortigüela tiveron a oportunidade de intercambiar cos docentes as súas impresións nestas primeiras semanas de posta en marcha do proxecto, así como de presenciar a actividade das nenas e nenos na aula cos dispositivos electrónicos subministrados.

Dotación tecnolóxica

A dotación do proxecto ‘Samsung Smart School’ para este centro ourensán foi de 50 tabletas, 2 encerados dixitais, 2 carriños de carga e seguridade para as tabletas, e 2 ‘allshare cast’ (dispositivos para proxectar desde a tableta á pantalla wireless). As tabletas levan, así mesmo,incorporados varios software de control de aula (Samsung School) e de seguridade e xestión en remoto (Famoc), cuxa función é a de facilitar a docencia e simplificar a instalación de aplicacións, ademais de servir de capa de seguridade diante do acceso a contidos en liña non axeitados

No desenvolvemento da iniciativa están implicados 48 alumnas e alumnos e 8 profesores, que participaron nun proceso de formación en liña ao efecto do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e noutro presencial impartido por Samsung.

‘Samsung Smart School’ foi deseñado en colaboración co Ministerio de Cultura, Educación y Deporte e implantado en 14 Comunidades Autónomas. A iniciativa desenvolverase durante o curso 2014/2015 e ten previsto chegar a máis de 1.500 alumnas e alumnos e a máis de 200 docentes.

Ao longo do programa mediranse tanto a aceptación e o uso da tecnoloxía como a incorporación de dinámicas colaborativas e o uso de contidos para a elaboración dunha avaliación final da que se extraerán pautas coas que se elaborará unha guía que axude aos centros que desexen incorporar este tipo de tecnoloxía nas súas aulas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia