Skip to main content

A xornalista Victoria Prego recibe o Premio Ourensanía

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou no Premio Ourensanía 2014 a necesidade de apostar máis que nunca pola vía da unidade e da lealdade, “porque os retos aos que se enfronta este país precisan do compromiso unánime de todos”. “É o momento do sosego, -dixo-, de escoitar e de tender pontes, pero coas columnas sólidas da lei”, aseverou, ao que engadiu que só así se pode falar e dialogar, “porque as pontes sen columnas sólidas non son pontes, son atallos e falsidades”. Alberto Núñez Feijóo avogou, deste xeito, por facer unha política transversal na que cada autonomía se sinta “unha parte activa do futuro de España e do proxecto común dos estados que conforman a Unión Europea”.

A este respecto subliñou que a Comunidade galega quere estar “en primeira liña -porque non se entendería España sen Galicia, nin o Estado das autonomías sen Galicia-, desde a capacidade que outorga o autogoberno e non desde os coutos que impón a independencia”.

O mandatario galego salientou que Galicia é unha Comunidade que, lonxe de retraerse en si mesma, “se ergue como un faro que irradia ao mundo a súa cultura”. Unha Comunidade “inclusiva, non excluínte”, que se sinte “parte e partícipe da historia común deste país, e unha peza máis do proxecto europeo”.

Feijóo asegurou que Galicia conforma unha “unidade plural” que “sortea diques e se abre a novos horizontes” porque “se fai máis grande na diversidade”, e porque “rexeita escribir o camiño da súa historia desde o illamento ou acochada na individualidade”. Así, dixo, é como os galegos levamos forxado a nosa identidade e como percibimos a nosa pertenza ao Estado das autonomías”.

Subliñou, nesta liña, que fenómenos como a emigración ou o Camiño de Santiago dan mostra da “vocación internacional” de Galicia, que anhela “estar presente no mundo e abrir fiestras ao mundo” porque esa, recoñeceu, “é a nosa forma de ser e de sentirnos galegos”. “Os galegos entendemos que a nosa cultura non empeza e termina en Galicia, senón que aspira a ter eco en España e en Europa".

Proxectar Galicia ao mundo

O titular da Xunta remarcou que, precisamente Ourense, agocha a esencia dese galeguismo máis universal porque foi berce de escritores, poetas, pintores, artistas e emprendedores que “contribuíron a proxectar Galicia ao mundo”, e cuxo legado inspirou o chamado ‘espírito de ourensanía’ que pervive nestes galardóns, sinalou.

Así, salientou que o Premio Ourensanía é un recoñecemento a todos aqueles galegos e galegas que “contribúen á tarefa de construír unha Galicia cara á fóra”. Homes e mulleres, agregou, que alá onde exercen o seu traballo, “difunden unha pegada de galeguidade” que é “un sinal inequívoco de compromiso coa terra”, esgrimiu.

Sobre a galardoada nesta edición, a xornalista Victoria Prego, recoñeceu que “foi un dos nomes do xornalismo español que nos narraron o milagre da Transición” e que “nos fixo testemuñas de como se forxaron os cimentos que levantan a España de hoxe”. Un país, agregou, que fixo do consenso, o pacto, a democracia e a liberdade a súa razón de ser”.

O presidente do Goberno galego concluíu asegurando que estes galardóns “son a proba manifesta de que o galeguismo non ten fronteiras”, e de que Galicia “conta con capital humano dabondo para contribuír a darlle vigor”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia