Skip to main content

Cultura promove no CGAI un ciclo de 50 filmes conmemorando o 25º aniversario do cine galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) o ciclo de proxeccións e presentacións ‘CineGalicia 25. Que é o cine (galego)’, inserido na programación especial coa que a Xunta de Galicia está a conmemorar o vixésimo quinto aniversario da estrea en novembro de 1989 das tres primeiras longametraxes galegas: ‘Sempre Xonxa’, ‘Continental’ e ‘Urxa’.

O CGAI despedirá 2014 cunha carteleira de 34 sesións cinematográficas –de martes a sábado, ata o 20 de decembro–, ideadas a modo de percorrido visual pola historia recente do cinema galego. Proxectarase un total de 50 longametraxes, curtas, fitas de animación e documentais do período 1989-2014, así como unha selección de producións consideradas pioneiras e realizadas durante os anos setenta e oitenta. Para afondar nesta panorámica, as sesións complementaranse coa participación de moitos dos directores destas fitas que, ademais de presentar as súas obras, manterán coloquios co público asistente.

Representatividade e diversidade

A selección dos títulos foille encomendada a unha comisión da que formaron parte oito coñecidos profesionais do sector (Eduardo Galán, Miguel Anxo Fernández, Xosé Nogueira, Jaime Pena, Sabela Pillado, Fernando Redondo, José María Rodríguez Armada e José Manuel Sande), co obxectivo de ofrecerlles aos espectadores unha escolma significativa que, centrándose en criterios historiográficos, procurara a maior representatividade e diversidade en canto a formato, xénero, temática ou autoría.

Así, a primeira semana do ciclo centrarase nos inicios, con tres xornadas dedicadas á proxección das películas en 35 mm. que sinalan o inicio dunha cinematografía galega propia: ‘Continental’, de Xavier Villaverde; ‘Urxa’, de Carlos A. López Piñeiro e Alfredo G. Pinal; e ‘Sempre Xonxa’, de Chano Piñeiro, que serán exhibidas respectivamente mañá martes, o mércores 26 e o xoves 27, en dous pases ás 18.00 e ás 20.30 horas.

As dúas seguintes sesións resérvanselles aos pioneiros: o venres 28 proxectaranse as curtametraxes ‘Retorno a Tagen Ata’ (Eloy Lozano, 1974), ‘Fendetestas’ (Antonio F. Simón, 1975), ‘O herdeiro’ (Miguel Gato, 1976), ‘O pai de Migueliño’ (Miguel Castelo, 1977), ‘O monte é noso’ (Llorenç Soler, 1978), ‘Tacón’ (Xavier Villaverde, 1982), ‘Mamasunción’ (Chano Piñeiro, 1984) e ‘Río de sombras’ (Daniel Domínguez, 1986); mentres que o sábado 29 exhibirase a longametraxe en 16 milímetros ‘Malapata’ (1980), de Carlos A. López Piñeiro, maila súa curta ‘Illa’ (1976).

Carteleira de decembro

O resto dos títulos desta escolma poderán verse nas xornadas de exhibición programadas para o mes de decembro, a través das que se recuperan 25 longas de produción galega destes últimos 25 anos canda un total de 22 de curtametraxes. Así, o CGAI proxectará de novo varias fitas recentes, avaladas polo seu exitoso percorrido por festivais internacionais, como ‘Todos vós sodes capitáns’ (Oliver Laxe, 2010), ‘Arraianos’ (Eloy Enciso, 2012), ‘1977’ (Peque Varela, 2007) ou ‘Costa da Morte’ (Lois Patiño, 2013). Tamén se ofrecerán documentais, como ‘Santa Liberdade’ (Margarita Ledo, 2004) e ‘Tralas luces’ (Sandra Sánchez, 2011), así como longas de animación: ‘De profundis’ (Miguelanxo Prado, 2006), ‘O apóstolo’ (Fernando Cortizo, 2012) e ‘O bosque animado’ (Manuel Gómez e Ángel de la Cruz, 2001).

Así mesmo, ‘CineGalicia 25. Que é o cine (galego)’ ofrécenos a oportunidade de volver ver en pantalla grande películas que sinalan distintos momentos deste cuarto de século cinematográfico en Galicia. É o caso de ‘Martes de carnaval’ (1991), de Pedro Carvajal; ‘Sei quen es’ (2000), de Patricia Ferreira; ‘León e Olvido’ (2004), coa que Xavier Bermúdez obtivo o premio á mellor película no Festival Internacional de Karlovy Vary; ‘Bs. As.’ (2006), de Alberte Pagán; a gañadora de oito Goyas e gran éxito de billeteira ‘Celda 211’ (2009), de Daniel Monzón; ou ‘A noite que deixou de chover’, de Alfonso Zarauza.

Entre as longametraxes seleccionadas atópanse, ademais, outros destacados títulos como ‘La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos’ (Antonio Blanco e Ricardo Llovo, 1994), ‘Dame algo’ (Héctor Carré, 1997), ‘Arde amor’ (Raúl Veiga, 1999), ‘Era outra vez’ (Juan Pinzás, 2000), ‘Blanca Madison’ (Carlos Amil, 2000), ‘Belas dormentes’ (Eloy Lozano, 2001), ‘Trece badaladas’ (Xavier Villaverde, 2002), ‘O lapis do carpinteiro’ (Antón Reixa, 2003), ‘Un conto para Olivia’ (Manane Rodríguez, 2007) , ‘Pradolongo’ (Ignacio Vilar, 2008) e ’18 comidas’ (Jorge Coira, 2010).

Exposición e documental

Este amplo ciclo da Filmoteca de Galicia insírese no conxunto de actividades a través das que a Consellería de Cultura e Educación lles rende tributo aos artífices daquel momento fundacional para o cinema galego contemporáneo –a estrea das tres devanditas longametraxes no marco do encontro CineGalicia celebrado en Vigo en novembro de 1989–, ademais de poñer en valor o camiño percorrido desde entón. Neste sentido, a exposición ‘CineGalicia25’ do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura convida a unha viaxe por esta traxectoria poñendo de relevo o significado do cinema feito en Galicia. Inaugurada o pasado venres polo presidente da Xunta, a mostra poderá visitarse gratuitamente ata o 8 de febreiro de 2015.

Tamén incide nesta homenaxe o documental ‘Cine en Galicia: 25 anos despois’, que está a producir a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a TVG. Con Manuel Abad na dirección, Ángel de la Cruz a cargo do guión, Antonio Mourelos na produción executiva e María Liaño na dirección de produción, este proxecto xurde co obxectivo de que a memoria deste vixésimo quinto aniversario perdure no tempo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia