Skip to main content

Empresas galegas exploran en Londres novas oportunidades de negocio nos equipamentos hostaleiros

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou o potencial das empresas galegas para participar, en competencia internacional, no equipamento integral de grandes hoteis e outros espazos de uso colectivo. Durante a súa intervención nun encontro desenvolvido en Londres, no que participaron trece empresarios que mantiveron encontros bilaterais con representantes ou colaboradores de grandes cadeas como Hilton, Marriot ou Mandarin Oriental Hotel Group, Aguilera destacou a excelencia e a experiencia das empresas galegas que están a traballar neste ámbito, participando en proxectos de equipamento desenvolvidos en máis de 60 países.

Durante o encontro de traballo, que acolleu unha mesa redonda entre representantes das empresas provedoras galegas e prescritores de grandes grupos hostaleiros ou de estudos de arquitectura e decoración que traballan a cotío para as cadeas de hoteis, o director do Igape destacou tamén a capacidade e o marco de apoios de Galicia para acoller investimentos empresariais estranxeiros en diferentes sectores de actividade.

No encontro de Londres participaron empresas galegas que están a destacar no ámbito internacional como provedoras de materiais e produtos de calidade en pedra natural, ou carpintería de madeira ou metálica empregados na construción. Participaron tamén empresas que destacan no eido do equipamento e a decoración de interiores, como é o caso de fabricantes de estores, instalacións audiovisuais ou lámpadas de deseño.

Para avaliar posibilidades de negocio ou alianza, os empresarios galegos participantes tiveron oportunidade de manter encontros bilateriais con diversos prescritores e colaboradoras de grandes cadeas hostaleiras ou de estudos de arquitectura especializados na canle contract, centrada no deseño e equipamento de espazos de uso colectivo. A organización da xornada contou co apoio da oficina da rede Pexga en Londres.

O Reino Unido foi o pasado ano o cuarto mellor cliente das exportacións galegas, que superaron os 900 millóns de euros a ese mercado, rexistrando un incremento do 22% sobre o ano anterior. Ata setembro deste ano exportaron ao Reino Unido preto de 500 empresas galegas, máis ca durante o ano pasado.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia