Skip to main content

Recepción aos campións de España en Rallye de Asfalto e ao gañador da Copa Suzuki Swift

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, felicitou aos recén proclamados campións de España nas probas de Rallyes de Asfalto 2014, os irmáns Sergio e Diego Vallejo, da Escudería Ourense, así como a Adrián Díaz, da Escudería Miño-Lugo, que conquistou a Copa Suzuki Swift.

Na recepción celebrada na delegación da Xunta en Lugo, Lete Lasa amosou a satisfacción que supón para o goberno galego constatar os bos resultados competitivos que os nosos deportistas están a acadar en moi diversas modalidades nas últimas tempadas, tanto a nivel nacional como internacional, e celebrou que o automobilismo sexa unha delas, tendo en conta a longa tradición e apoio social que este deporte atopa na nosa comunidade, na que se celebran tres das dez probas aos que tiveron que enfrontarse os tres deportistas galegos para acadar os seus novos títulos, é dicir, o Rallye Rías Baixas, o Rallye de Ourense e o Rallye de Ferrol.

Sergio Vallejo como piloto e o seu irmán Diego como copiloto acadaron a pasada fin de semana o primeiro posto no Rallye Comunidad de Madrid - Race, a última das dez probas so Campionato de España de Rallyes de Asfalto 2014. Pola súa parte, Adrián Díaz tamén participou na carreira madrileña, ao tratarse da sétima e última das probas puntuables para a Copa Suzuki Swift e nela obtivo a primeira clasificación, contando como copiloto coa santanderina Sara Fernández.

Lete Lasa rematou a súa intervención agradecendo o estímulo de superación e ilusión que deportistas como eles trasladan á sociedade galega, á vez que proxectan os mellores valores de Galicia no exterior.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia