Skip to main content

A Consellería de Cultura e Educación convoca o certame de poesía infantil Nadal 2014, para escolares de ata 16 anos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca o Certame de Poesía Infantil Nadal 2014, no que poden participar escolares de ata 16 anos, distribuídos en tres categorías segundo os tramos de idade.

A Biblioteca Nodal de Lugo coordina esta convocatoria, na que participan máis dunha vintena de bibliotecas públicas da provincia. A consellería edita un libro cos traballos que resulten gañadores na fase final provincial.

Para poder participar na fase local –e ter opción, polo tanto, de chegar á fase provincial- é preciso ser socio da biblioteca. O tema xenérico dos poemas é o Nadal, e cada participante poderá presentar cantos traballos desexe, cada un deles acompañado dunha solicitude de inscrición. Os poemas deberán estar escritos en galego e cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara.

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 22 de decembro, debendo estar entregados na Biblioteca nesa data. Os gañadores da fase local recibirán cada un o seu diploma e lote de libros e pasarán á fase final, na que se medirán cos traballos seleccionados nas outras bibliotecas públicas da provincia.

As bases poden consultarse na páxina web da biblioteca (http://rbgalicia.xunta.es/lugo/) ou poden recollerse na biblioteca.

Conferencia de Ángel Carracedo

Dentro da programación cultural do centro, o venres día 12 o prestixioso científico Angel Carracedo dará unha conferencia sobre A revolución xenómica, na que explicará que son o ADN e o xenoma, e como o coñecemento do xenoma das especies -e particularmente do xenoma humano- está a ter un impacto considerable en moitas disciplinas, dende a xustiza, a medicina, a veterinaria, a bioloxía ou mesmo no coñecemento da nosa historia. A conferencia terá lugar no salón de actos a partir das seis da tarde.

Polo que se refiere á programación infantil, o próximo venres a ludoteca acollerá Contos de peto, para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Os menores de entre 4 e 12 anos poderán disfrutar o día 12 de Moito conto; o venres 19 poden participar na sala multiusos nun obradoiro de manualidades relativas ao Nadal, e o 26 compartir a tarde co Apalpador, que chegará á Biblioteca da man de Anxo Moure. Todas estas actividades comezan ás seis da tarde.

Do martes 9 de decembro ao venres 12 de decembro haberá un curso de alfabetización dixital sobre internet básico; ofrécense 10 prazas, sendo preciso apuntarse previamente no centro. O café filosófico celebrarase o martes 16 na sala multiusos, sobre o tema A nova soidade.

A Biblioteca Nodal alberga tamén a exposición Ilustracións, de Pablo Rodríguez Regueiro, e tres mostras bibliográficas: Decora as túas festas, Un libro, un bo regalo e Libros para regalar.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia