Skip to main content

O servizo de compartición e almacenamento de ficheiros na nube Owncloud, no CDTIC

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acolle nas súas instalacións o 11 de decembro unha sesión demostradora que leva por título “Owncloud, a túa nube baixo control” (https://cdtic.xunta.es/owncloud-demo) que se desenvolverá en horario de 10.30 a 13.30 horas.

Na xornada abordarase de forma práctica a xestión que realizan as empresas da súa información, o marco lexislativo no que se atopan e a solución de Owncloud para combinar ambas as cuestións. Ao longo das tres horas que dura a sesión, trataranse as necesidades actuais das empresas ou o tratamento da información no contorno lexislativo e a protección de datos, e levarase a cabo unha demostración das capacidades técnicas de Owncloud.

A sesión vai dirixida a técnicos e responsables TIC de empresas e entidades, así como consultores TIC ou persoal directivo. O encargado da demostración será Carlos Rodríguez García, da empresa Tegnix, consultor TIC con máis de 15 anos de experiencia en administración de sistemas informáticos baseados en GNU/Linux.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/owncloud-demo). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Owncloud, un servizo na nube

Como o seu nome indica, Owncloud (a túa propia nube) é unha solución para a creación dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing). Trátase dun programa multiplataforma, que constitúe unha alternativa libre a outras solucións privativas como Dropbox ou Google Drive aínda que, a diferenza destes, se aloxa no noso propio servidor, o cal garante seguridade, control e privacidade dos datos.

Recentemente mancomun publicou un amplo artigo
(http://www.mancomun.org/solucionstic/artigostecnoloxicos/detalle/nova/solucions-empresarias-de-almacenamento-na-nube-con-software-libre/) sobre este aplicativo onde se afonda nas posibilidades de Owncloud como solución empresarial de almacenamento na nube con licenza libre. Dita publicación recolle tamén a testemuña de empresas que están a empregar esta solución tecnolóxica no seu negocio, así como, e a de provedores tecnolóxicos galegos que ofertan este solución no seu porfolio de produtos e servizos.

CDTIC Virtual, un entorno de probas para OwnCloud

Dende finais do pasado mes de agosto calquera empresa ou usuario pode probar este aplicativo a través do servizo CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual).

O Servizo CDTIC Virtual, ofrece ás empresas e persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito poderán coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.

As vantaxes desde servizo para a empresa son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia