Skip to main content

Axudas da Xunta para a instalación da recepción da TDT vía satélite e información sobre o Dividendo Dixital

A axuda foi tramitada directamente a través de empresas instaladoras de telecomunicacións autorizados, que colaboran coa Xunta de Galicia, realizando as xestións para os interesados. A subvención consiste no desconto na factura, por parte das empresas colaboradoras, de ata 300 € no material subministrado, incluído o IVE. Neste material inclúese todo o necesario para a recepción do servizo, antenas, cables, conectores e o receptor de TDT a través de satélite.

O Plan de Desenvolvemento Rural Sostible (PDRS) en Galicia, é unha iniciativa coordinada pola Consellería de Medio Rural e do Mar, a través de Agader, co respaldo e a colaboración económica do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que aporta o 50% do financiamento deste proxecto. O outro 50 % é sufragado pola Xunta de Galicia, neste caso a través dos orzamentos da Secretaría Xeral de Medios. Para ter acceso a estas axudas é necesario que as familias que as soliciten non teñan acceso a Televisión Dixital Terrestre e que residan nos concellos do interior de Lugo e de Ourense clasificados de primeiro nivel dentro do PDRS.

O servizo de TDT por satélite (Sat-TDT) é un servizo que permite disfrutar de xeito gratuíto das canles de TDT nas vivendas onde non chega o sinal terrestre ou o sinal non ten a calidade axeitada para a correcta recepción. Dentro desta iniciativa son subvencionables as novas instalacións do servizo de TDT a través de satélite, podéndose solicitar un máximo dun equipamento por usuario e vivenda. Ademais, co fin de non discriminar ás familias que xa teñan instalado pola súa conta un equipo para a recepción deste servizo, estas poderán solicitar subvención para un segundo receptor na súa vivenda.

A Xunta prevé prorrogar este plan ata o ano 2015, o que suporá un investimento total de máis de 400.000 euros e beneficiará arredor de 900 familias de 78 concellos do interior das provincias de Lugo e de Ourense.

Inicio da Convocatoria

O pasado ano, por Resolución da Secretaría Xeral de Medios, iniciouse o procedemento para a selección das entidades colaboradoras na xestión das subvencións para a adquisición e instalación de equipamentos de televisión dixital terrestre por satélite en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia.

Ditas entidades colaboradoras, empresas instaladoras de telecomunicacións autorizadas para a instalación do servizo regulado de TDT por satélite, teñen como labor a promoción da adquisición, a participación na tramitación do procedemento nos termos previstos nas bases, a subministración e instalación do equipamento indicado, actuando como canle entre os beneficiarios das accións subvencionables e a Secretaría Xeral de Medios, procedemento que se realiza exclusivamente por medios telemáticos. Para os efectos da tramitación do procedemento, a colaboración de ditas entidades comprende a de presentación, en representación dos interesados, das solicitudes de axuda por medios telemáticos, cubrindo e enviando os formularios normalizados de solicitude xunto coa documentación complementaria que sexa requirida, así como realizar os trámites necesarios para executar, xustificar e certificar a realización das actuacións subvencionables.

Aínda que só se subvenciona o equipamento e non a man de obra da instalación, a empresa colaboradora deberá realizar a instalación e tramitar a activación do servizo, deixándoo plenamente operativo. O dito equipamento consiste, no caso dunha instalación completa, en antena parabólica de recepción cos seus complementos, cableado, toma de usuario e receptor de TDT por satélite capaz de recibir as canles da televisión dixital terrestre, tanto a Televisión de Galicia como tódalas de ámbito nacional, privadas e públicas.

O 28 de maio de 2013 publicouse a Resolución da Secretaría Xeral de Medios pola que se daba publicidade á relación de entidades que obtiveron a calidade de entidade colaboradora na xestión das subvencións para a adquisición e instalación de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia (procedemento administrativo PR527A), resultando inicialmente 19 empresas colaboradoras seleccionadas. Na actualidade son 20 as empresas colaboradoras, debido a incorporación posterior dunha nova empresa, xa que para facilitar unha maior competencia e de atención aos interesados, este proceso queda aberto a incorporación de novas entidades colaboradoras que cumpran cos requisitos da convocatoria.

A convocatoria oficial das axudas e a apertura do prazo realizouse o pasado 29 de abril de 2014, a través da publicación no Diario Oficial de Galicia da Resolución da Secretaría Xeral de Medios pola que se convocan, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións dirixidas a familias para a adquisición de equipamentos de televisión dixital terrestre mediante recepción satelital en vivendas e edificacións situadas en zonas para revitalizar do Programa de desenvolvemento rural sustentable en Galicia para o ano 2014.

Toda a información deste proceso está publicada no enderezo de Internet http://medios.xunta.es, no apartado Axudas e Subvencións, e tamén a través dos teléfonos da habilitados ao efecto da Secretaría Xeral de Medios, 981 54 42 34, así como o enderezo de correo electrónico xestión.sxm@xunta.es.

DIVIDENDO DIXITAL

O Dividendo Dixital é o proceso polo cal débese liberar a banda de frecuencias de 800 MHz (canles 60-69, empregados ata agora para a difusión de canles de TDT), para o despregue de servizos avanzados de comunicacións en móbilidade (4G) a partir do 1 de xaneiro de 2015.

Este proceso, que se desenvolve de xeito armonizado a nivel europeo fixando como data límite a referida 1 de xaneiro de 2015, regulouse en España a través do Real Decreto 805/2014, de 19 de setembro, polo que se aproba o Plan Técnico Nacional da TDT e se regulan determinados aspectos para a liberación do Dividendo Dixital.

Como consecuencia, aquelas canles de TDT que empregan no momento actual frecuencias ubicadas na banda a liberar (790-862MHz) deben de reubicarse en outras frecuencias, polo que resultará preciso para manter a continuidade da recepción das canles:

- Facer as adaptacións técnicas precisas nos centros emisores por parte dos radiodifusores e operadores involucrados: emisións simultáneas ou reaxuste
- Os cidadáns terán que resintonizar os seus receptores
- Os cidadáns que viven en comunidades de propietarios con instalación colectiva (xeralmente edificios de 3 ou máis vivendas), previo á resintonización deberán porse en contacto cun instalador de telecomunicacións
- Os cidadáns que reciben a través da TDT@SAT non se verán afectados.

En Galicia, o Dividendo Dixital afecta a todos os fogares xa que:

- As canles de TVE deben de ser trasladadas ás novas frecuencias en toda Galicia, sendo preciso adaptar as antenas e resintonizar en varios momentos do proceso
- As canles estatais privadas serán reubicadas en distintas frecuencias, sendo necesario resintonizar en varios momentos do proceso, e adaptar as antenas para recuperar a sintonía dalgunha delas. Destacar a necesidade de antenizar na comarca de Vigo e Baixo Miño onde serán trasladadas a novas frecuencias.
- As canles autonómicas (TVG e V televisión) mudarán de frecuencia únicamente nas seguintes zonas: Norte e oeste da provincia de A Coruña (color violeta) e algunhas zonas do sur da provincia de Lugo e en toda a provincia de Ourense (color verde)

PLAN DE COMUNICACIÓN E INFORMACIÓN AOS CIDADÁNS

O 15 de outubro de 2014 activouse un plan de comunicación do Goberno do Estado para informar aos cidadáns do proceso, a través de anuncios en prensa, radio e televisión, así como folletos para facilitar aos concellos.

Aínda que a data de cese das canles a liberar se establece de xeito xeral o 31 de decembro de 2014, nalgunhas zonas concretas pode variar por razóns técnicas, ou de coordinación entre distintos axentes (radiodifusores, operadores e administracións públicas), todo elo supervisado e dirixido pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Sociedade da Información.

En calquera caso, en datas próximas ao cese previsto para cada centro emisor intensificarase a comunicación a nivel local, detallando:
- Horario de cese, ou dos cortes para reaxuste, segundo aplique
- Poboacións afectadas, canles que cesan e novas frecuencia que se activan
- Hora a partir da cal os cidadáns poden resintonizar os receptores para adaptar a lista de canles á situación consolidada final.

OS CIDADÁNS TAMÉN PODEN CONSULTAR A INFORMACIÓN DE APOIO DISPOÑIBLE NA WEB http://www.televisiondigital.gob.es E INFORMARSE A TRAVÉS DOS TELÉFONOS DE ATENCIÓN AO USUARIO 901 20 10 04 e 954 30 77 96

Aos efectos de reforzar a información específica das actuacións na rede do múltiple autonómico de Galicia (no que se emiten TVG, TVG2 e V televisión), e consecuentes necesidades de adaptación de antenas e resintonización por parte dos cidadáns, os radiodifusores informarán mediante as súas propias canles (spots, programas ou banner informativos), e as súas páxinas WEB.

Así mesmo, estarán dispoñibles os centros de soportes habituais da TDT en Galicia:

a. Oficina da TDT da Xunta de Galicia: para información xeral, coordinación e apoio a cidadáns e concellos (http://www.tdtgalicia.es e 981.572.154)
b. Centro de Xestión e Atención de rede de RETEGAL (CEXAR): centrada en incidencias no acceso ás canles (http://www.retegal.es e 901.100.424

FASES DE DESENVOLVEMENTO DO DIVIDENDO DIXITAL

O proceso de liberación das canles planificoue en 3 fases ben diferenciadas:
FASE 1 - RESINTONIZACIÓN: O pasado día 26 de outubro de 2014 produciuse unha reordenación de canles que obrigou aos cidadáns que perderon a sintonía dalgunha das canles a resintonizar os seus receptores.

Este proceso non afectou ás canles autonómicas (TVG, TVG2 e V televisión), senón únicamente ás estatais e, nalgunhas zonas, puido perderse o acceso á canle Teledeporte aínda a pesar de resintonizar. Para recuperar a sintonía haberá que agardar a facer as adaptacións de antena segundo o definido na fase 2.

No gráfico seguinte móstrase a distribución actual de canles nas distintas frecuencias (múltiples) tras a reordenación do pasado 26 de outubro de 2014, e a prevista tras a liberación do Dividendo Dixital, a partir do 1 de xaneiro de 2015.



FASE 2 - ANTENIZACIÓN: Se non o fixo xa, debe de solicitar á maior brevidade posible a adaptación da instalación de antena colectiva do seu edificio, xa que as actuais frecuencias polas que recibe as canles de TDT deben de ser abandonadas en data 31 de decembro de 2014.
=> Aquelas personas que viven en vivendas unifamiliares ou con instalación de tipo individual non terán que facer ningunha adaptación nesta fase.
=> Esta adaptación únicamente afecta ás comunidades de propietarios e edificios de 3 ou máis vivendas que conten con instalación de tipo colectiva. Os administradores das comunidades de propietarios deberán de contactar cun instalador rexistrado para contratar as adaptacións de antena.
=> Para facilitar a adaptación das antenas por parte dos usuarios:
=> os radiodifusores activaron a emisión simultánea das súas canles nas novas frecuencias e máis as actuais, naquelas estacións que dan cobertura a un número significativo de instalacións de tipo colectiva.
=> O Goberno estableceu un plan de axudas dotado con 290M€: para acceder ás axudas será preceptivo aportar factura dun instalador rexistrado. Poden oscilar entre 150€ e 500€ en función do alcance da adaptación.
=> Resta por adaptar un número elevado de antenas en menos de 1 mes.

FASE 3 – CESE DAS FRECUENCIAS A LIBERAR: A data de cese definitivo das frecuencias afectadas polo Dividendo Dixital está prevista para o vindeiro 31 de decembro de 2014, momento a partir do cal:
A. Cesarán as emisións simultáneas habilitadas polos radiodifusores.
B. Nas restantes estacións onde non hai emisións simultáneas, estase procedendo ao reaxuste dos equipos emisores na data planificada para o cese.
C. A partir do cese das canles, todos os cidadáns deben de resintonizar e reorganizar os receptores para deixar a lista de canles adaptada á situación consolidada final.

Como consecuencia do anterior:

=> aqueles cidadáns que viven en edificios con instalación de tipo colectiva (tanto con amplificación monocanle como centralita programable):
a. que adaptaron as súas instalacións de antena con anterioridade á data de cese deberán resintonizar os seus receptores e reordenar a lista de canles para a situación consolidada final.
b. que non teñan adaptadas as súas instalacións de antena deixarán de recibir as canles afectadas sen antenizar.
=> aqueles cidadáns que viven en edificios con instalación de tipo individual (ou banda ancha) deberán resintonizar os seus receptores e reordenar a lista de canles para a situación consolidada final.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia