Skip to main content

O soño galego de Julio Cortázar achégase ao universo do escritor no seu centenario

‘O soño galego de Julio Cortázar’ é o título da xornada coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en valor a relación permanente que mantivo o escritor arxentino con Galicia e cos galegos, no ano no que se conmemora o centenario do seu nacemento.

Con este obxectivo, a xornada, que ten lugar o xoves, ás 19 horas, no Museo de Belas Artes da Coruña, conta coa intervención do escritor Francisco X. Fernández Naval, autor do libro ‘O soño galego de Julio Cortázar’ (editado por Linteo co patrocinio da Consellería), que lle dá nome á xornada. A obra servirá de fío condutor a un relatorio no que Fernández Naval afondará na relación profunda e ampla do escritor arxentino con Galicia.

As dúas viaxes que realizou Cortázar a Galicia nos anos cincuenta, xunto coa súa primeira muller, Aurora Bernández, centrarán o audiovisual ‘Cortázar Galicia’, dirixido por Juan de la Colina, que se proxectará durante a xornada. Finalmente, o público asistente terá ocasión de participar nun coloquio cos dous autores. As cartas e outros textos sobre estas viaxes que Julio Cortázar fixo a Galicia son a base desta peza documental, que percorre os lugares das viaxes a través dun xogo de interpretación libre e poética entre pasado e presente. Para iso, apóiase en documentación facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) −depositario dos fondos fotográficos e fílmicos de Julio Cortázar−, a Fundación Juan March e a Fundación Luís Seoane.

Julio Cortázar e Galicia

Julio Cortázar (Bruxelas, 1914-París, 1984) mantivo con Galicia unha vinculación permanente a través do círculo de persoas que azarosamente foi introducindo no seu percorrido vital. Os encontros con exilados galeguistas na Arxentina, como Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste, propiciarán as súas primeiras publicacións nas revistas Cabalgata e El Correo Literario.

Producirase despois a providencial aparición de Paco Porrúa, que se converterá no seu editor e amigo. Pero será o seu matriminio con Aurora Bernárdez, filla de emigrantes galegos, o que o introduza nun maior coñecemento da nosa cultura e con quen coñeza o propio país, nas dúas viaxes que realizan xuntos nos anos 1956 e 1957. A súa estreita relación co artista Leopoldo Novoa, xa nos anos setenta en París, pechará este círculo no que a nosa terra se sitúa como unha constante presenza no universo do escritor.

Neste ano no que se celebra o centenario de Julio Cortázar, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia propón esta xornada de achegamento ao universo galego dun dos escritores hispanoamericanos máis relevantes da literatura de todos os tempos.

Francisco X. Fernández Naval

Francisco X. Fernández Naval (Ourense,1956) conta cunha ampla obra en galego, que inclúe poesía, novela, relatos, literatura infanto-xuvenil, de viaxes, guións e teatro. Algunhas das súas obras traducíronse a outras linguas, entre elas o árabe e o ruso. É autor dous ensaios que analizan a relación do escritor Julio Cortázar con Galicia: ‘Respirar polo idioma’, os galegos e Julio Cortázar (Linteo-2006), publicado en castelán pola editorial Corregidor de Bos Aires, e ‘O soño galego de Julio Cortázar’ (Linteo, 2014).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia