Skip to main content

A Xunta de fende a autonomía das universidades para fixar a duración dos plans de estudos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou no Parlamento de Galicia que o seu departamento considera unha aposta pola autonomía universitaria a proposta do Ministerio de Cultura, Educación y Deporte de que as universidades poidan fixar a duración dos seus plans de estudos. Desta forma ábrese a porta a que, de forma voluntaria, poidan acollerse ao modelo de grao de 3 anos + máster de 2, o maioritario en Europa tras a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). De feiro, nos casos nos que non se aplica este modelo, existe flexibilidade, existindo modelos 3+1 ou 3+2’5, entre algúns exemplos. Ademais, segundo indicou Vázquez Abad, o Ministerio entende que titulacións de grao reguladas como habilitantes para o exercicio profesional (ex. Enxeñerías) poden seguir contando con 240 créditos en grao máis o máster correspondente.

Neste sentido o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia recordou que a ministra socialista Mercedes Cabrera obrigou no 2007 ás universidades a ofrecer titulacións de 4+1. “Nada importaba que iso significase separarse de Europa”, lamentou, explicando que informes da Comisión europea sobre o Plan Boloña demostran que o modelo de grados de 180 ECTS (3 anos) é maioritario en 25 países europeos da nosa contorna (exclusivo por exemplo en Francia), mentres que o de 240 ECTS (4 anos) predomina en 13 (exclusivo por exemplo en Turquía). Só 6 países teñen un modelo ríxido de grao.

Así mesmo o conselleiro salientou os beneficios que tería a homoxeneización coa tendencia maioritaria dos países europeos que integran o EEES, facilitando a mobilidade do estudantado, algo que hoxe se ve dificultado polo modelo español.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia