Skip to main content

Xunta e LIGAL colaboran en formación, divulgación e ciencia sobre a industria do leite na comunidade galega

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través do Instituto Galego de Calidade Alimentaria, asinou un convenio marco co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite –LIGAL– para colaborar en materia de formación e realización de actividades científicas e divulgativas relacionadas coa calidade do leite, así como cos aspectos relativos á súa produción, transformación e comercialización.

O secretario xeral do Medio Rural e Montes e director do Instituto Galego de Calidade Alimentaria, Tomás Fernández-Couto, e mais o director xerente do LIGAL, Roberto Lorenzana, foron os encargados de asinar este convenio marco.

Entre os obxectivos fundamentais do Instituto Galego de Calidade Alimentaria –Ingacal– figura o desenvolvemento da investigación agrícola, gandeira e alimentaria, o impulso do desenvolvemento e a transferencia tecnolóxica e a dinamización de iniciativas que comporten novas orientacións produtivas ou de adecuación ao mercado.

Doutra parte, o LIGAL é unha asociación sen ánimo de lucro na que están representadas as industrias lácteas –a través da Asociación de Industrias Lácteas de Galicia– e os produtores –a través das Organizacións Agrarias e das Asociacións Cooperativas–. O laboratorio ten carácter asistencial, educativo e de cooperación ou fomento da economía primaria e da investigación científico-técnica no ámbito relativo ao leite e aos produtos lácteos.

Entre as finalidades do acordo figura o establecemento de sinerxías que favorezan a maior eficiencia dos recursos dispoñibles e establecer un marco de colaboración estable no eido científico, formativo e técnico. Inclúese no acordo a participación en proxectos conxuntos de I+D+i a nivel nacional e internacional co obxectivo de fomentar a innovación o ámbito de actuación común das dúas institucións ao servizo do sector agrario de Galicia.

O convenio recolle diferentes modalidades de colaboración ou programas de actuación. Entre eles, a participación en accións de cooperación para a innovación e a participación en proxectos conxuntos de I+D tanto de ámbito nacional como internacional. Tamén, a cooperación en programas de formación, información e transferencia de tecnoloxía a produtores e técnicos do sector, e a colaboración en estudos relativos á estrutura produtiva das explotacións, industria transformadora e canles de comercialización do leite e produtos lácteos, incluído a análise de índices tecnico-económicos e tendencias no consumo.

Estes programas de actuación desenvolveranse, á súa vez, a través de addendas ao acordo asinado hoxe. Para facilitar a colaboración a través destes convenios específicos constituirase unha comisión mixta que supervise o seguimento e cumprimento dos mesmos.

O convenio asinado hoxe terá unha duración de dous anos e será renovable por períodos iguais por acordo tácito.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia