Skip to main content

A Torre da Berenguela da Catedral de Santiago, esceario de Big Ciencia 2014

Centos de composteláns e turistas déronse cita na praza de Praterías de Santiago para poñer a proba os seus coñecementos en Big Ciencia, un espectacular concurso popular que converteu a Torre Berenguela da Catedral nun xigantesco taboleiro de xogo e que contou coa participación do director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, como concursante.

O atractivo e innovador formato desta iniciativa de divulgación científica atraeu a atención de numerosos grupos de amigos e familias, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación nun dos puntos máis emblemáticos da capital galega.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación, é sacar a ciencia e a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido. Tras o éxito colleitado o ano pasado en cinco grandes cidades galegas, coa edición especial Nadal desta tarde en Santiago Big Ciencia estreou unha segunda edición coa que volverá percorrer Galicia.

A nova xira continuará en primavera aproveitando as mellores temperaturas, que invitarán a xogar na rúa nun concurso que, como novidade, en 2015 se celebrará en núcleos de poboación medianos para chegar a novos públicos.

Cinco preguntas por nivel

Cunha mecánica moi sinxela, e apta por tanto para todas as idades, o concurso de preguntas científicas botou a andar cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla de luxo na que se converteu a Torre Berenguela (ou Torre do Reloxo) da Catedral de Santiago.

¿Que ano internacional se celebra en 2015?, ¿quen inventou o termómetro?, ¿que contén o sangue dentro do noso organismo? O máis rápido en premer o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Apoio á divulgación

Big Ciencia forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación. Ao longo de todo o curso escolar, a Xunta colabora co Parque Tecnolóxico de Galicia nas Aulas Tecnópole, unha actividade de capacitación en habilidades científicas e innovadoras na que participan alumnos de Secundaria e Bacharelato. Tamén en colaboración con Tecnópole celébrase a Galiciencia, un concurso no que o pasado mes de novembro máis de 60 equipos de todos os ciclos educativos competiron cos seus proxectos de I+D+I.

Entre outras iniciativas, Economía e Industria apoia tamén á Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na celebración do Día do Científico Galego, que cada ano conmemora a figura dun investigador destacado para difundir o seu legado entre a sociedade.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia