Skip to main content

Turismo de Galicia participará en 31 feiras turísticas no ano 2015

A Xunta amplía en 2015 o calendario de feiras turísticas destinadas á promoción global do destino Galicia, de xeito que ao longo dos 12 meses do ano 2015 Turismo de Galicia participará en 31 certames sectoriais, catro máis que no ano 2014. Galicia promoverase turisticamente en 20 certames internacionais e 11 internacionais, o que sen dúbida posibilitará a difusión mundial dos valores turísticos da Comunidade galega.

Como novidade, este ano, Turismo de Galicia reforzará a promoción do cicloturismo e a práctica da bicicleta todo terreo nos certames Fiets En Wandelberurs, de Amberes (Bélxica) e Unibike, de Madrid.

Ademais, o departamento de promoción turística da Xunta ampliará a presenza do Camiño de Santiago nos mercados turísticos internacionais coa presenza na feira Koinè, de Vicenza (Italia), e levará os produtos e servizos turísticos da Comunidade galega a Canadá, coa participación na feira Tourism & Travel Show, que se celebrará o mes de outubro en Montreal

Principais mercados

Un ano máis, o turismo galego estará presente nos principais mercados turísticos do mundo, entre os que salientan a Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR, en xaneiro; a Internationale Turismus Börse (ITB), de Berlín, en marzo; ou a World Travel Market (WTM), de Londres, en novembro. Ademais, o turismo galego estará nos mercados emerxentes de Xapón, na feira JATA; Rusia, no certame MITT; Brasil, na feira Festuris; ou Finlandia, no certame Matka.

No ámbito español, o turismo galego estará representado en todos os certames turísticos organizados nos principais mercados emisores para Galicia.

Deste xeito, ademais de FITUR, Turismo de Galicia participará nas feiras de carácter xeneralista Navartur, en Navarra, en febreiro; B-Travel, antigo (SITC) de Barcelona, en abril; e o Salón de Turismo INTUR, en Valladolid, no mes novembro.

Difusión dos produtos turísticos galegos

Para a promoción específica dos produtos turísticos galegos máis senlleiros, Turismo de Galicia participará en 10 certames especializados ao obxecto de difundir e apoiar a súa comercialización.

Deste xeito, en relación ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo, o departamento de Turismo da Xunta de Galicia, ademais de promover a ruta en todos os certames turísticos, participou nas feiras específicas Koinè, durante o mes de abril en Vicenza, ea International Christian Resources Exhibition, de Londres, no mes de maio.

Por outra parte, o turismo de saúde poderase promover nos certames Thermalies, de París, este mes xaneiro, e Termatalia, que se celebrará en Ourense no mes de setembro.

Polo que respecta ao turismo náutico da comunidade galega, Turismo de Galicia instalará recintos de promoción no Grand Pavois, de La Rochelle, Francia, o mes de setembro, e o Salón náutico de París, que se celebrará no mes de decembro.

Canto ao golf, este produto promoveuse de xeito específico no certame Madrid golf, a celebrar entre os días 8 e 10 de maio na capital de España.

Ademais, a ornitoloxía contará tamén cun espazo para a súa promoción específica na feira FIO, que terá lugar en Monfragüe, Extremadura, entre os meses de febreiro e marzo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia