Skip to main content

Turismo de Galicia e Exceltur promoven o estudo Impactur 2014 sobre o impacto económico do sector

Turismo de Galicia e a Asociación ‘Exceltur, Alizanza para a Excelencia Turística” asinaron un convenio de colaboración para a elaboración dun estudo de impacto económico do turismo en Galicia, “Galicia Impactur 2014”.

Coa aposta por esta colaboración Turismo de Galicia continúa na súa labor por afianzar o turismo da comunidade como o principal indutor do progreso económico e social.

O dito convenio ten o obxectivo de actualizar a estimación do impacto da actividade turística na economía da comunidade seguindo a metodoloxía e procesos homologables de Exceltur que Galicia ven realizando nos últimos anos.

O estudo calculará o impacto económico do turismo cunha perspectiva global dos efectos que o turismo ten sobre o conxunto de variables e decisións dos diversos axentes económicos da comunidade, ademais de favorecer na súa toma de decisións. O estudo obterá valiosa información sobre os niveis de consumo relacionados coa actividade turística, o coñecemento e análise do conxunto de servizos turísticos, os vínculos existentes entre as diversas ramas da actividade turística e o resto de sectores económicos da comunidade, a identificación das oportunidades para mellorar a produtividade do sector e a información sobre o emprego xerado, tanto directo como indirecto.

O presuposto estimado para a elaboración do estudo é de 72.600€ dos cales Turismo de Galicia financiará o 50% e Exceltur o outro 50%.

O estudo realizarase en catro fases: recollida de información e posta en marcha do proxecto, tratamento e análise da información estatística, actualización de Impactur e elaboración do informe “Impactur Galicia 2014”.

A sinatura deste convenio é unha mostra máis da aposta de Turismo de Galicia polo impulso á innovación, investigación, formación e cualificación das empresas e profesionais do sector turístico, así como polo incremento das magnitudes cuantitativas e cualitativas turísticas e a colaboración entre todos os axentes turísticos tanto no ámbito da Administración pública como no sector privado.

Un sector turístico galego competitivo

Galicia é unha das Comunidades Autónomas de España que máis aposta polo turismo. Non en van, o sector turístico configúrase na nosa comunidade como un dos piares estratéxicos da economía actual. Segundo o último estudo de Impactur, a actividade turística en Galicia xera máis do 11,5% do emprego e preto do 11% do Produto Interior Bruto.

Nesta liña, Turismo de Galicia traballa para acadar un alto recoñecemento de Galicia a nivel global mediante o Plan Integral de Turismo de Galicia.

O dito Plan establece como un dos retos prioritarios afianzar na nosa comunidade un sector turístico competitivo, proactivo, innovador e coordinado, con visión internacional.

Nesta liña, Turismo de Galicia ven traballando sobre a capacitación do sector empresarial, a innovación e o emprego de novas tecnoloxías nos procesos de articulación, promoción, comercialización e xestión como estratexias de competitividade.

Así, no primeiro ano de execución do Plan podemos destacar accións como a creación do Cluster de Turismo de Galicia, a posta en marcha do proxecto Smart Turismo, a plataforma Destino Intelixente Rías Baixas, ou a sinatura deste convenio grazas ao cal obterase unha ferramenta fundamental para definir as directrices a seguir na planificación, fomento e promoción do turismo en Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia