Skip to main content

Galicia Calidade certificará a orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, anunciou, no acto de inauguración do Foro da Biomasa de Galicia, que Galicia Calidade certificará a orixe e calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega. Así, e grazas á colaboración do CIS-Madeira, resaltou, a Comunidade contará cun selo que garantirá a trazabilidade e a calidade deste combustible feito en Galicia.

“Deste xeito, non só incluímos á biomasa galega no catálogo de produtos excelentes, senón que garantimos que particulares, empresas e institucións empreguen recursos procedentes do monte galego, procesados de xeito responsable, e coa mellor calidade e potencia calorífica”, incidiu o conselleiro, quen destacou que o selo potenciará o posicionamento do produto galego ante o incremento da demanda.

A creación deste selo, explicou Conde, encádrase no contexto da Estratexia Integral de impulso da Biomasa Forestal que está a promover o Goberno galego, e que prevía a constitución do Foro da Biomasa como “mecanismo aberto e participativo” no que impulsar a cooperación e identificar novas oportunidades de negocio, innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

“O Foro que hoxe poñemos en marcha abre unha liña de diálogo fluído e permanente que nos permitirá seguir camiñando xuntos na mellora competitiva desta industria”, afondou o conselleiro, quen subliñou a súa importancia de cara a fomentar a cooperación público-privada garantindo o desenvolvemento da Estratexia.

Dita Estratexia persegue “configurar unha industria xeradora de riqueza con novas oportunidades de crecemento”, aseverou Conde. Neste sentido, salientou a aposta, tanto do sector como das administracións, por unha industria que abrangue toda a cadea de valor do produto, que permite crear emprego no rural, e que está en consonancia cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3, e coa Axenda da Competitividade Industrial Galega, Galicia – Industria 4.0.

No desenvolvemento desta Estratexia, explicou Conde, Ourense está chamado a ocupar un lugar destacado, tanto pola importancia do seu recurso forestal, como polas diferentes iniciativas que desde o Parque Tecnolóxico de Galicia e o resto tecido do industrial se están a impulsar.

Incremento da demanda

Neste escenario, o titular de Economía e Industria resaltou a orde de axudas para a implantación de caldeiras de biomasa. Un programa que está a contribuír a acadar unha maior demanda deste combustible, impulsando no 2014 a instalación de arredor de 400 novas caldeiras nos fogares galegos, 120 equipos nas empresas, e outros 80 entre concellos e administración pública autonómica.

“Deste xeito, contribuímos ao incremento da demanda cunha maior implantación de caldeiras, que supoñen un maior mercado para pellets e estelas, e unha maior oportunidade para seguir desenvolvendo proxectos de innovación que permitan mellorar as caldeiras e os procesos”, sinalou. Así, e ante a boa acollida da liña, apuntou Conde, a Xunta manterá no 2015 o compromiso orzamentario cunha nova orde que destinará 9,3 millóns para seguir promovendo a instalación de equipos de biomasa.

“Este incremento da demanda debe producirse da man dunha clara aposta pola innovación”, apuntou o conselleiro, resaltando neste eido a colaboración do CIS Madeira para propiciar novos proxectos que incrementen a capacidade innovadora da industria; o esforzo da Consellería do Medio Rural e do Mar, que está a apoiar unha xestión forestal sostible con liñas de mellora do aproveitamento forestal; e o propio compromiso da Consellería Economía e Industria.

Así, salientou Conde, un ano máis as convocatorias do Igape e da Axencia Galega de Innovación priorizarán aqueles proxectos que teñan que ver coa biomasa. Unha aposta que ten permitido xa impulsar distintos proxectos que están a mobilizar máis de 20 millóns de euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia