Skip to main content

A Xunta presenta a ferramenta informática xacobea na xornada sobre índices de referenciación láctea do Inlac

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, asiste en Madrid á Xornada sobre Índices de Referenciación Láctea organizada pola Organización Interprofesional Láctea, INLAC. Nesta xornada presentaranse distintos índices que existen actualmente para a referenciación do prezo do leite de vacún, de ovella ou de cabra cando as partes contratantes acorden que sexa variable.

Nela, persoal técnico do FOGGA presentará a Ferramenta informática Xacobea que a Consellería do Medio Rural e do Mar pon a disposición do sector lácteo de vacún. Esta ferramenta pode ser empregada polas partes asinantes dos contratos lácteos de vacún cando decidan que o prezo a pagar se calcule tendo en conta a evolución actual dos prezos dos produtos lácteos industriais (commodities) no mercado, ofrecendo a posibilidade de compensar simultaneamente en función da evolución dos custos de produción.

Todos os parámetros desta ferramenta informática Xacobea son libremente configurables, para que as partes negociadoras decidan o peso que se lle dá a cada un deles. A ferramenta proporciona, en función dos parámetros seleccionados, un “índice á carta” ao que referenciarse á hora de establecer un prezo do leite no contrato a asinar.

Acceso á Xacobea

Para acceder a Xacobea hai que dirixirse á páxina web do Observatorio do sector lácteo de Galicia (OLGA) da Consellería de Medio Rural e do Mar, á parte de referenciación dos contratos e cumprimentar os datos do contrato a asinar. Despois a propia ferramenta permitirá imprimir un documento coas condicións de contratación seleccionadas para anexar ao contrato. A continuación amósase a pantalla principal de Xacobea e descríbense as distintas seccións da mesma e a maneira de cumprimentalas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia