Skip to main content

A literatura galega, presente nun concerto do coro da BBC en Londres con versos de Rosalía de Castro

A literatura galega estará presente no concerto que ofrecen en Londres os BBC Singers, dedicado á música iberoamericana, a través dos versos de Rosalía de Castro. O coro da radio pública británica interpretará na igrexa de Saint Paul en Knightsbridge unha obra do compositor Daniel Saleeb, cuxa letra incorpora os versos do poema “As de cantar”, de ‘Cantares gallegos’.

Os versos de Rosalía de Castro soarán en galego e tamén en inglés, na tradución inglesa de Erín Moure que coeditaron en 2013 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Small Station Press. A Radio 3 británica emitirá o concerto, que se poderá escoitar en directo a partir das 19:30 hora local (20:30 horas en Galicia) ou en diferido durante unha semana despois do concerto en http://www.bbc.co.uk/programmes/b04xrzd7 [nova venta] .

O programa do concerto, no que o coro da BBC estará acompañado polo guitarrista escocés Sean Shibe, tamén inclúe obras, entre outros, de Manuel de Falla e de Héitor Villa-Lobos. Arredor deste compositor, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén apoiara en 2013 o proxecto musical ‘Villa-Lobos. A New Way’, unha lectura en clave de jazz do artista brasileiro xurdida da colaboración entre o profesor, compositor e intérprete Alberto Conde coa soprano Carmen Durán, xunto cos músicos Nirankar Khalsa, Kin García e Miguel Cabana, de Alberto Conde Atlantic Trío.

Referentes da literatura galega en inglés

A Consellería e Small Station Press coeditaron en 2013 ‘GalicianSongs’, a primeira edición integramente en inglés da obra de Rosalía de Castro. O volume veu a luz en Galician Classics, unha colección promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e Small Station Press de clásicos en galego para dar a coñecer no exterior a literatura galega, no marco da cal xa se publicaron outras obras de referencia da literatura galega traducidas ao inglés, como son ‘Herba aquí ou acolá’, de Álvaro Cunqueiro; ‘Longa noite de pedra’, de Celso Emilio Ferreiro; unha escolma poética de Lois Pereiro e o poemario ‘Nimbos’, de Xosé María Díaz Castro.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia