Skip to main content

A Axencia Tributaria facilita información e asistencia aos pensionistas retornados

A Axencia Tributaria de Galicia conta con persoal especializado que está a facilitar información e asistencia aos pensionistas retornados para cumprimentar as solicitudes de condonación e a devolución das sancións, os recargos e os xuros de demora que foron pagados por este colectivo

En concreto, o organismo tributario da Xunta dispón dunha persoa en cada delegación e nos servizos centrais para axudar aos pensionistas retornados neste procedemento. A Consellería de Facenda lembra que este colectivo pode presentar o formulario de devolución dende o pasado 1 de xaneiro.

Así, os pensionistas retornados poden presentar a súa solicitude nas dependencias da Agencia Tributaria do Estado (AEAT) ou nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA). Este formulario tamén se pode presentar a través das páxinas web da AEAT (www.aeat.es) e da ATRIGA (www.atriga.es).

Os pensionistas retornados poden deste xeito cumprimentar o formulario de solicitude consignando os datos persoais; os anos correspondentes á débeda que orixinou as sancións, os recargos e os xuros de demora; e o número de conta bancaria para efectuar a devolución das cantidades abonadas.

A Xunta de Galicia ten ofrecido colaboración á AEAT para axudar aos pensionistas retornados neste procedemento. Ademais, aínda que se trata dun formulario sinxelo, a Axencia Tributaria de Galicia ten habilitado tamén un teléfono de información (881.995.284) para facilitar información sobre o proceso de devolución de sancións, recargos e xuros de demora a este colectivo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia