Skip to main content

Consello da Cultura Galega e Xunta de Galicia convocan a 3ª edición de No bico un cantar

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou a terceira edición de ‘No bico un cantar’, una iniciativa que arrancou por primeira vez en 2013 e que ten como finalidade que os e as estudantes de conservatorios e centros oficiais de música de Galicia se familiaricen coa obra dun persoeiro insigne a través da música.

Segundo explicou Vázquez Abad, a figura escollida para esta edición é a de Ramón Cabanillas, un dos poetas máis relevantes da literatura galega. A convocatoria vai dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos que cursan estudos nos conservatorios e centros oficiais de ensino musical de Galicia. Deste xeito, os que desexen participar terán a oportunidade de traballar sobre cinco textos do autor cambadés: os poemas Pregaria, Fala unha Laverca, Era un piniño novo, Aureana do Sil e Maio Longo. O resultado final poderá verse nun concerto que ofrecerán o vindeiro 5 de xuño en Cambados, a vila natal de Cabanillas.

O responsable de Cultura e Educación do Goberno galego salientou o valor didáctico desta iniciativa ao tempo que representa “ unha oportunidade” para que os nenos se familiaricen coa obra do autor cambadés.

´No bico un cantar’ púxose en marcha por primeira vez no ano 2013 cunha homenaxe a Rosalía de Castro precisamente cando se cumprían 150 anos da publicación da súa obra máis emblemática, “Cantares Gallegos”. Naquela edición reuniuse un coro duns 500 nenos e nenas de toda Galicia que ofreceron un concerto na praza da Quintana, en Santiago. Xa o ano pasado a figura escollida foi a de Curros Enríquez, e a cifra total de participación das dúas edicións achégase a o milleiro de rapaces. A este respecto, o conselleiro confía en superar estas cifras, polo que animou aos estudantes “a que se sumen a esta experiencia na que, ademais de aprender, sen dúbida vailles resultar lúdica e gratificante”, dixo.

O conselleiro de Cultura e Educación aproveitou para amosar o seu agradecemento ao Consello da Cultura Galega, que colabora co proxecto; así como ao director artístico da iniciativa, Maximino Zumalave. Non obstante, Vázquez Abad fixo especial mención aos docentes dos conservatorios e dos centros de ensino musical de Galicia porque “coa súa dedicación e o seu rigor no día a día son capaces de transmitir os valores da música entre os máis cativos. Valores universais como os que se reflicten nos poemas de Cabanillas“, concluíu.

No acto de hoxe participaron tamén Maximino Zumalave, director artístico da iniciativa; Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luis Aragunde, alcalde de Cambados, a vila natal de Cabanillas; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia