Skip to main content

A web institucional da emigración galega ten 10.000 seguedores en redes sociais

Un total de 546.150 páxinas do portal web da Secretaría Xeral da Emigración [http://emigracion.xunta.es ou http://www.galiciaaberta.com] foron visualizadas durante o ano 2014, mediante 176.030 visitas que corresponden a 113.514 usuarios únicos.

Así, o escaparate virtual do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda recibiu 482 visitas diarias por parte de 311 usuarios únicos, cun volume de páxinas diarias vistas de 1.496. A duración media da visita dos navegantes na rede foi de tres minutos e vinte e nove segundos.

Por país de procedencia destas visitas, 91.182 (o 51’80 por cento) eran internautas con residencia en España, 40.325 (o 22’91) na Arxentina, 11.194 (o 6’36) no Uruguai, 5.038 (o 2’86) en Venezuela, 4.890 (o 2’78) en Brasil, e 3.658 (o 2’08) nos Estados Unidos. Seguen na listaxe, xa con menos do dous por cento dos usuarios totais, Suíza, Alemaña, México, Reino Unido, Chile, Perú, Francia, Cuba e Colombia.

Redes sociais

O número de usuarios agregados á páxina da Secretaría Xeral da Emigración en Facebook tense incrementado ata os 7.096, e a cifra dos que seguen as publicacións en Twitter chegou ata os 2.929, segundo os datos obtidos esta mesma semana.

Cabe salientar que, desde o momento da súa creación no ano 2010, o perfil do portal GaliciaAberta en ambas mallas medrou de maneira ininterrompida. A inmensa maioría dos que deciden seguir a actualidade do departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda a través da web e redes sociais son galegas e galegos residentes no Exterior que desexan estaren informados das novidades referidas á Galicia territorial, á actualidade e actividade dos centros galegos e casas de Galicia espallados por todo o planeta, e ás axudas e iniciativas postas en marcha desde a propia Secretaría, eixos fundamentais da información que ofrece GaliciaAberta en internet.

A presenza nestas redes mundiais serve de conexión (fundamentalmente a través dos teléfonos móbiles e outros dispositivos portátiles) cos galegos da diáspora para lles ofrecer, en tempo real e nas mellores condicións posibles, as novas de relevancia do seu interese, sempre relacionadas coa actualidade da Galicia territorial e Exterior.

26% máis en ‘Facebook’

O crecemento do perfil da Secretaría Xeral da Emigración na rede creada por Mark Zuckerberg foi do 25’97% no último ano, ata acadar os 7.096 seguidores, un 40% máis que o perfil da seguinte institución homóloga en España dedicada á diáspora. O número de persoas que cada día viron calquera contido asociado coa páxina foi de 993, cunha media de 41 interaccións (gústames, comentarios e compartidos), cifra moi superior á do común das páxinas institucionais.

Cómpre salientar que, malia o carácter xeral ‘masculino’ de Facebook (46 mulleres por cada 54 homes), no caso do perfil de Emigración o usuario tipo é maioritariamente feminino: 59 fronte a 41.

Respecto dos países desde os que se conectan os usuarios de GaliciaAberta.com no Facebook, o 31’7 son residentes en España, o 28’7 en Arxentina, o 8’5 no Uruguai, o 5’9 en Brasil, o 4’6 en Suíza, e o 3’8 en Venezuela. Seguen despois Estados Unidos, México, Reino Unido, Alemaña, Portugal, e Chile.

Canto ás cidades, o 16’3% conéctase desde o Distrito Federal de Bos Aires, e o 7’3 desde Montevideo, sendo con diferenza as cidades con maior número de usuarios. Seguen despois A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, Madrid, Caracas, México D.F., Barcelona, e Pontevedra, todas elas con máis de 100 seguidores.

30% máis en ‘Twitter’

Se ben o número de followers nestoutra rede é menor ca en Facebook, o seu crecemento foi moi destacado nos últimos doce meses, un 29’88%, ata acadar os 2.929, un 55% superior á seguinte institución homóloga ligada á Emigración. Os chíos do perfil de Emigración teñen unha media de 40.405 impresións (visións en pantalla) por mes. Máis da metade dos usuarios son residentes en España, se ben cabe salientar o número destacado de seguidores de Arxentina e Venezuela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia