Skip to main content

O Plan de Banda Larga reduciu a fenda dixital entre a fachada atlántica e o interior

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o Plan de banda larga rematou en catro anos coa fenda dixital entre a fachada atlántica e o interior de Galicia, e avanzou o compromiso de incrementar a velocidade con 30 megas para toda a Comunidade e 200 para as cidades. “O obxectivo é que toda a poboación teña en 2020 unha cobertura dunha calidade de 30 megas de velocidade e que as cidades pasen de 100 megas e 200. Este é o noso horizonte, que é o horizonte óptimo que marca a UE para os países da Unión en 2020”, dixo, ao que engadiu que, para acadar esta meta, se investirán máis de 100 millóns de euros, que veñen sumarse aos 230 millóns que desde 2010 -entre financiamento público e privado- se levan investidos.

Así mesmo, resaltou que existe un compromiso de investimento dos operadores móbiles en núcleos de menos de 5.000 habitantes, derivado do proceso de reparto do dividendo dixital.

O titular da Xunta, que presidiu este mediodía o acto de presentación do Plan de banda larga: presente e futuro, salientou que este plan logrou que o acceso a internet sexa universal na Comunidade: “Hoxe podemos dicir que practicamente o 100% das persoas que viven en Galicia teñen acceso a unha banda larga de, como mínimo, dous megabytes por segundo”, aseverou.

A nivel municipal, o titular do Goberno galego subliñou que, mentres en 2010 só dous concellos de toda a Comunidade podían garantir que a súa cobertura de internet acadase ao 90% da poboación, hoxe son 309; “é dicir, multiplicamos por 154 e os cinco concellos restantes teñen unha cobertura entre o 70% e o 90%”.

Diante destas cifras, Feijóo salientou que hoxe os fogares galegos poden dispoñer dunha conexión a internet digna, “reducimos as desigualdades que tiñamos hai catro anos e as tecnoloxías son un dos motores económicos que nos situarán no proceso de consolidación da recuperación da nosa economía”.

Durante a súa intervención, o mandatario galego resaltou que o Goberno autonómico apostou pola Lei de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia; unha lei que segundo aseverou crea un entorno favorable para o investimento dos operadores e impulsa a extensión das infraestruturas de comunicacións por todo o territorio galego.

Sobre este aspecto, explicou que en 2013, as grandes empresas deste sector asinaron co Goberno galego o Pacto Tecnolóxico, que selou o compromiso investidor das principais compañías tecnolóxicas en Galicia.

O responsable do Goberno galego referiuse así a R como un dos exemplos máis destacados de empresa de novas tecnoloxías con alma galega, e que entre 2014 e 2015 investirá 95 millóns de euros en mellorar o seu servizo e ampliar as velocidades de acceso. E precisou que Telefónica dedicou, en 2014, 50 millóns a levar a fibra óptica aos fogares galegos e outros 14 en estender na comunidade a tecnoloxía 4G, mentres que Vodafone comprometeu 70 millóns de euros en desenvolver tamén as súas redes 4G e en ampliar a cobertura 3G nas poboacións de menos de 1.000 habitantes.

Feijóo fixo fincapé en que unha internet para todos, sen distinción de lugar de residencia é o compromiso firme da Xunta “e que hoxe podemos dicir que temos acadado”. E concluíu, incidindo no obxectivo de incrementar a velocidade e a calidade, pasando de 2 megas a 30 megas e de 100 megas a 200 nas cidades, “porque Galicia -dixo- ten que estar plenamente integrada na economía global e non hai economía global sen a dixitalización das nosas empresas e fogares”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia