Skip to main content

O Sergas estimula a doazón de sangue en Galicia para cubrir as necesidades de 2015

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, doou sangue na unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), que visitou os edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro. Antonio Fernández-Campa, que estivo acompañado pola directora do CTG, María Inmaculada Rodríguez Calvo, convidou aos galegos e galegas a continuar doando sangue e lembrou que cada día son necesarias 500 doazóns de sangue.

O xerente do Sergas lembrou que son precisas doazóns de todos os grupos sanguíneos xa que, nesta época do ano, pode diminuír a participación nas campañas de doazón de sangue por mor das inclemencias meteorolóxicas propias da estación e tamén porque os meses de inverno coinciden con enfermidades que poden excluír temporalmente da doazón de sangue, como é o caso da gripe.

Reforzar o chamamento

Antonio Fernández-Campa asegurou que resulta necesario revitalizar o chamamento á participación activa da poboación nas campañas de doazón, xa que este xesto solidario está a experimentar un estancamento nos últimos anos. Neste sentido, lembrou as facilidades para doar sangue, salientando a existencia de locais de atención permanente ao doador de sangue emprazados nas sete grandes cidades galegas, así como a presenza das dez unidades móbiles do CTG en máis de 50 concellos galegos ao longo da presente semana.

Doazón de médula ósea

A Consellería de Sanidade lembra, tamén, á cidadanía da nosa Comunidade Autónoma a importancia da doazón de médula ósea. A tal efecto, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición das galegas e galegos unha páxina web http://galicia.medulaosea.org que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Deste xeito, neste enderezo electrónico poden eles mesmos apuntarse. Unha vez que se anoten serán chamados para a correspondente entrevista por parte dos profesionais sanitarios. Poden ser doadores de medula ósea as persoas de 18 a 55 anos que non padezan ningunha enfermidade que poida ser transmitida ou por en perigo a súa vida polo feito da doazón.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia