Skip to main content

Lidia Senra reuniuse en Bruxelas coa Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra, mantivo unha xuntanza ca Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina. Dito encontro, con titulares e suplentes das comisións europarlamentarias de agricultura e pesca, foi solicitado pola propia Ministra e tivo lugar en dúas quendas. Senra, como titular do Grupo Conferedral da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) para a Comisión de Agricultura e suplente na de Pesca, estivo presente en ámbalas dúas xuntanzas.

Tejerina encetou a reunión sobre temas agrarios elaborando un índice dos aspectos que se están a tratar nestes momentos na Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo (PE), tales como os regulamentos relativos á agricultura ecolóxica, sanidade vexetal e animal, pensos medicamentosos, clonación de animais ou o paquete lácteo.

En relación a este último punto, Lídia Senra transmitiu "a nosa enorme preocupación pola crise que se aveciña co fin das cotas como instrumento de control da produción láctea e a ineficacia demostrada xa coas medidas do paquete lácteo postas en marcha ". Neste senso, dende AGEe sinalámoslle a Tejerina a pertinencia de que o Ministerio faga "unha fonda análise e reflexión" da actual situación no sector, así como de "apostar claramente por manter as cotas como un instrumento de control da produción e traballar para un reparto xusto do dereito a producir entre labregos e labregas de toda a UE".

Aliás, en materia de agricultura a eurodeputada galega puxo tamén enriba da mesa a problemática dos tratados de libre comercio cos EEUU (TTIP) e Canadá (CETA), solicitando que se suspendan as negociacións destes acordos "polo que supoñen en canto á destrución de postos de traballo nas explotacións labregas, un dano totalmente inaceptábel cando ademais a alimentación básica pode ser producida a nivel local e adquirida en circuítos curtos de comercialización, cuestión fundamental tamén na loita contra o cambio climático".

Asemade, Senra manifestou a preocupación de AGEe en relación á negativa afección destes acordos de liberalización comercial en relación aos sectores produtores no seu conxunto e a ferramentas de protección moi importantes para Galiza como son as Denominacións de Orixe.

Pesca

Nesta reunión a ministra Tejerina esbozou tamén primeiramente o abano de temas que se están a tratar actualmente na Comisión de Pesca e que afectan directamente ao Estado español.

Lídia Senra interveu para plantexar a cuestión da prohibición das redes de mallas á deriva, defendendo "a necesidade de excluír desta prohibición as artes de pesca artesanal, como é o caso do 'xeito' na Galiza", ao que a ministra respostou confirmando que "salvagardar o xeito e o sardinal" é tamén a posición do Ministerio neste momento.

Seguidamente a eurodeputada galega chamou a atención de Tejerina sobre "a problemática que están a xerar as cotas de pesca na Galiza", reclamando "a necesidade de revisar tanto a asignación das mesmas ao Estado como o reparto que fai o propio Estado, así como que a pesca artesanal quede excluída da aplicación das cotas". Neste aspecto non houbo ningún tipo de interacción por parte da ministra, quen se limitou a defender a situación actual.
Gabinete de Comunicación AGE Europa