Skip to main content

Refórzase a promoción internacional das curtas galegas con Shorts from Galicia en Clermont-Ferrand

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reforza a proxección exterior das curtametraxes galegas a través da súa participación, baixo a marca promocional ‘Shorts from Galicia', na trixésima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia). O audiovisual galego contará por primeira vez cun espazo de difusión propio na zona de mercado deste prestixioso encontro, que congregará a partir desta fin de semana máis de 3.000 profesionais procedentes duns 80 países.

Así, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad amplía ao ámbito das curtas o programa de internacionalización do sector que vén desenvolvendo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). No marco desta liña de traballo, o audiovisual galego participa en diferentes feiras estratéxicas cara á procura de socios, compradores e distribuidores de todo o mundo, como o European Film Market de Berlín, que celebrará unha nova edición do 5 ao 13 de febreiro en paralelo á Berlinale, o mercado Ventana Sur de Bos Aires, e o Marché du Film, MIPTV e MIPCOM de Cannes.

‘Stand’ paraugas

Nesta edición, ‘Shorts from Galicia’ disporá dun espazo propio como parte dun ‘stand’ paraugas que comparte con outros organismos autonómicos e entidades de Madrid, Canarias, Cataluña, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes. Con motivo desta primeira presenza institucional no mercado francés, a Agadic preparou unha nova edición do catálogo ‘Shorts from Galicia’ para distribuírlles aos profesionais acreditados, entre os que se atopan representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais.

Do mesmo xeito que o festival que o acolle, o mercado de Clermont-Ferrand consolidouse nos últimos anos como a primeira plataforma internacional para a industria cinematográfica que se desenvolve arredor da produción de curtas, así como para impulsar as carreiras dos talentos emerxentes. Xunto coa actividade promocional e comercial, a feira acolle outra serie de actividades como ‘showcases’, conferencias, debates e o Euro Connection, un foro centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de ‘pitching’ e reunións personalizadas.

‘Ser e voltar’

Galicia tamén contará con representación no programa do festival da man de Xacio Baño e a súa fita ‘Ser e voltar’, que foi seleccionada para competir con outras 33 candidatas polo premio da sección Lab, destinada a aqueles traballos máis experimentais ou transgresores na súa busca dunha ollada diferente. Realizada co apoio da Consellería a través da axudas da Agadic para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual, este traballo de Xacio Baño continúa así o seu destacado percorrido internacional, no que sobresae igualmente a súa estrea na pasada edición de Festival de Cine de Locarno.

Outro director galego, Lois Patiño, formará parte do xurado desta Lab Competition de Clermont-Ferrand xunto ao realizador e produtor chinés Wang Bing e ao cantante, compositor e artista multimedia estadounidense Fredo Viola.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia