Skip to main content

Feijóo anuncia a aprobación do programa FEDER da CE para 2014-2020

Logo de manter unha reunión coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, e co comisario de I+D+i, Carlos Moedas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que neste mes de febreiro a Comisión Europea aprobará o Programa operativo Feder elaborado pola Xunta para o período 2014-2020. “Recibimos polo tanto a aprobación ao modelo de crecemento económico de Galicia, a aprobación do Programa operativo Feder 2014-2020, e desbloqueamos así os primeiros 900 millóns do total de fondos europeos que ascenden a 4.000 millóns a investir no período 2014-2020”, aseverou.

Feijóo subliñou que as concentracións temáticas destes fondos responden á Estratexia de Especialización Intelixente, “onde imos apostar pola competitividade da pequena e mediana empresa, polo uso das tecnoloxías, polo incremento do presuposto de I+D+i nas empresas e por unha economía baixa en carbono, a través de plans de eficiencia enerxética”.

“En definitiva, ímonos moi satisfeitos porque o importante é que podemos empezar xa a programar, proxectar e a executar 900 millóns de euros dos fondos feder”, incidiu o responsable do Goberno galego.

Así mesmo, Feijóo subliñou que o encontro coa comisaria de Política Rexional, Corina Cretu, serviu para dar continuidade á relación que ata o de agora a Xunta viña mantendo co anterior titular desta carteira comunitaria, Johannes Hahn, e para constatar a disposición do Goberno galego de proseguir nesta mesma liña de diálogo aberto e fluído.

Por outra banda, e no tocante á reunión co recentemente nomeado comisario europeo de I+D+i, Carlos Moedas, Feijóo destacou como un dos temas centrais do encontro a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS 3), que supón un investimento público e privado de 1.600 millóns en materia de innovación.

O presidente da Xunta cualificou de “moi satisfactorias” as tres reunións mantidas hoxe en Bruxelas coa comisaria de Política Rexional, co comisario de I+D+i e co comisario de Medio Ambiente, Asuntos marítimos e Pesca. “Foi –aseverou- unha axenda completa onde os tres comisarios nos comunicaron que éramos a primeira delegación dunha Comunidade autónoma española que recibían nesta nova andaina do Goberno europeo”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia