Skip to main content

Declaración do Partido Galeguista á vista dos resultados do referendo da Constitución Europea

Ó mesmo tempo, a importante abstención habida confirma as nosas teses de que esta Constitución non entusiasma precisamente ós galegos. Por iso asumimos o compromiso de loitar por chegarmos a ter unha Europa Federal, cun Parlamento Europeo coas competencias que normalmente lle deberían corresponder, entre elas a elección dos Presidentes da Unión.
Traballaremos a prol da Europa dos pobos, onde as minorías nacionais teñan o peso específico que aínda non nos da esta Constitución. Consonte con este pensamento proporemos, en momento oportuno, a creación do Consello de Minorías Nacionais da Unión Europea. E tamén queremos deixar constancia de que nos esforzaremos por mellora-las políticas sociais europeas.
Agora ben, compre ter presente que se lle tivésemos feito caso ós infinitos non do BNG os galegos estariamos mergullados nun absoluto subdesenvolvemento. Sobre todo se lembramos os seus catro grandes non: á autopista de Galicia (dicía entón a UPG que era unha navallada pra Galicia), á Constitución Española, á entrada de España na Unión Europea, e agora á Constitución Europea.
A Constitución Europea, como dixemos, non é ningunha panacea, pero é un paso cara adiante. E se fose por forzas políticas como o BNG, a Unión Europea non existiría (non terían aprobado o Tratado de Roma, nin o da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, nin o constitutivo da Comunidade Económica Europea, nin o de Maastricht, cando aparece a Unión Europea).
Mais Galicia conta agora cun partido propio moderado, o PG, que vai loitar, como anunciamos, por cambiar moitas cousas, pero dende dentro, porque quen preconizaron o non á Constitución Europea, se ben merecen tódolos respectos, xa se viu que cada vez están máis afastados da realidade galega, e que soamente representan unha parte moi minoritaria do noso pobo.
Manoel Soto Ferreiro (secretario xeral do Partido Galeguista)