Skip to main content

O avance do Plan de Política Familiar en Galicia presenta máis de 170 medidas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello o Plan Galego de Política Familiar, cuxo borrador “será presentado de forma inmediata ás organizacións e entidades que traballan neste sector para buscar o maior acordo posible”. “Estamos a falar dun instrumento de axudas ás familias”, engadiu. O Plan Galego de Política Familiar, apuntou Feijóo, “posúe 177 medidas que inciden en seis áreas de actuación: convivencia familiar, educación, conciliación, saúde, vivenda e ocio e deporte”.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que o plan contén seis obxectivos xerais: dotar ás familias que máis o precisen de recursos; dar resposta ás necesidades das familias que teñen unha situación especial aínda que sexa excepcional; establecer mecanismos para o apoio á maternidade e á paternidade; establecer os mecanismos para o apoio á maternidade e a paternidade; facilitar a conciliación da familia tanto no laboral como no persoal; promover novos modelos de educación familiar para mellorar as pautas na crianza dos menores; e tamén sensibilizar a sociedade da importancia da familia e a súa incidencia no estado de benestar.

Se ben esta iniciativa será presentada ao sector antes da súa aprobación definitiva, o responsable do Goberno galego destacou algunha das medidas que prevé. E, neste liña, salientou a creación dun rexistro de familias monoparentais e un sistema de beneficios para estas familias; o fomento e ampliación dos programas de mediación familiar e a potenciación da creación de centros de primeiro ciclo de educación infantil en contornos empresariais.

Así mesmo, o plan contempla a posta en marcha de programas de voluntariado en familia nos proxectos dependentes da Xunta e a bonificación de prezos para as familias en situación de dificultades socioeconómicas.

Segundo informou o presidente da Xunta “a Consellería de Traballo e Benestar lanza este plan a partires de agora e iremos informando do seu resultado e por suposto terá que volver ao Consello para a súa aprobación”.

A Xunta renova e mellora o tícket eléctrico social incrementando as axudas que poden chegar ata os 300 euros anuais

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aprobación dunha nova convocatoria do tícket eléctrico social para seguir axudando no pago do recibo da luz a aquelas familias que teñen máis dificultades económicas.

“Decidimos ampliar o tique eléctrico social tanto no eido dos beneficiarios como das axudas directas, beneficiando a aquelas familias galegas con fillos menores de idade e cuxos ingresos non superen 1,5 veces o IPREM”, dixo, ao que engadiu que, ademais da simplificación dos trámites administrativos e o reforzo das vías de tramitación, para que sexa máis rápido obter esta axuda, o tícket será compatible coa Risga, polo que os potenciais beneficiarios se incrementan de 15.000 ata 40.000 familias posibles beneficiarias.

Así mesmo, o orzamento increméntase ata os 1,5 millóns de euros; e increméntanse as contías, que se antes eran de ata 90 euros anuais para familias cun ou dos fillos e de 120 euros para familias con tres fillos ou máis, agora pasan a ser de ata 180 en familias cun ou dous fillos e de ata 300 euros no caso de familias numerosas. “É dicir, incrementamos as axudas un 100% no caso das familias con dous ou menos fillos e un 150% no caso das familias con tres ou más fillos”, aseverou.

Consciente de que a enerxía eléctrica é unha cuestión básica, o presidente do Goberno galego desatacou que a Xunta leva traballando en relación a este asunto nos últimos anos. E, neste sentido, lembrou que no Instituto Galego de Consumo resolvéronse a favor do consumidor un 60% das máis de 3.000 reclamacións presentadas no eido da electricidade nos 10 primeiros meses de 2014; “estanse a desenvolver campañas para facer máis comprensible a factura da luz e fomentar o aforro enerxético; estamos levando a cabo traballos de impulso de aforro da eficiencia enerxética; e puxemos en marcha o tique eléctrico social hai uns meses”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia