Skip to main content

Curso de postgrado en comercialización de contidos audiovisuais

O plan de actividades para o ano 2005 do Consorcio, aprobado polo seu Consello de Dirección, contempla entre as accións do Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego o impulso á formación de profesionais capacitados para operar en mercados internacionais ante a necesidade de contar en Galicia con profesionais formados na promoción audiovisual, con capacidade para operar nun entorno produtivo e de xestión altamente internacionalizada.
Abórdase esta intención co Curso de Postgrado en comercialización de contidos audiovisuais, que comeza o próximo día 3 de marzo e que terá unha duración total de 210 horas, un 70% teóricas e un 30% prácticas.
Impartirase os xoves (16:30-20:30h.), os venres (10:00-14:00h. e 16:30-20:30h.) e os sábados (10:00-14:00h.), coa finalidade de facilitar a matrícula de profesionais, especiais destinatarios do curso, de xeito que poidan compaxinar traballo e curso.
No programa contémplanse os seguintes módulos:

- Produción audiovisual; no que se abordarán materias como os modelos de financiamento dunha obra audiovisual, introdución ao comercio exterior, introdución ao comercio exterior audiovisual, entorno competitivo en Galicia e en España (panorama empresarial), as grandes tendencias na televisión e no cine actual.
- Técnicas de comercio exterior; tratando temas como a coprodución internacional e as ventas internacionais, técnicas de negociación, principais elementos dun contrato de ventas internacional.
- Entorno competitivo internacional; abordando materias como o mercado cinematográfico europeo, o mercado televisivo europeo, o mercado americano (cine e televisión), o mercado de fala hispana (cine e televisión), a globalización dos mercados e empresas.
- Marketing internacional; tratando temas como estratexias de marketing internacional, formas de acceso ao mercado internacional, principais mercados (feiras) e festivais, preparación e xestión de axendas en feiras internacionais, elementos de promoción.

Ademais completarase con clases de inglés comercial e audiovisual e con seminarios profesionais.

En canto ao profesorado, para impartir estes módulos contarase con recoñecidos profesionais que traballan no día a día do audiovisual nacional e internacional, como:

- Manuel Cristóbal, Director de Desenvolvemento de Zinkia Entertainment.
- Francisco Rodríguez, Director de Ventas Internacionais e Coprodución de Filmax.
- Michel Ruben, Ventas Internacionais de HBO.

O curso desenvolverase entre os meses de marzo e xullo de 2005 e están previstas, para este primeiro ano, un máximo de 12 prazas.

O prezo do curso é de 3.000 euros.

O curso de postgrado conta tamén cunhas prácticas consistentes na asistencia a un mercado profesional de carácter internacional durante unha semana.
Consorcio Audiovisual de Galicia