Skip to main content

O PPdeG defenderá que a taxa de reposición do 50% na Sanidade pública galega se faiga a principios de 2015

O Grupo Popular defenderá no Pleno que a oferta de emprego público en sanidade correspondente a 2015, cunha taxa de reposición do 50 por cento, se leve a cabo no primeiro semestre deste ano, así como a realización dun estudo dos sistemas de saneamento e depuración da ría de Pontevedra para coñecer o estado da rede e determinar as actuacións necesarias en cada concello afectado. En total, a sesión plenaria inclúe 29 puntos na orde do día dos que dúas son comparecencias de membros do Goberno e catro a proposta do Grupo Popular. “As restantes 23 son da oposición, co que estamos no habitual 80 por cento das iniciativas que defenden en cada sesión plenaria”, apuntou.

Na súa comparecencia ante os medios logo da Xunta de Portavoces, Pedro Puy informou que a sesión plenaria contará con dúas comparecencias de membros do Goberno galego. En primeiro lugar, a conselleira de Traballo e Benestar informará sobre os dous programas acordados cos axentes sociais en materia de emprego e, posteriormente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dará conta do Plan Rehavita 2015-2020 de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda en Galicia. “Trátase de dúas iniciativas deste Goberno galego cunha clara motivación social nestes momentos de crise”, indicou Puy.

Pola súa banda, o Grupo Popular defenderá dúas proposicións non de lei. A primeira ten que ver coa taxa de reposición do persoal sanitario e con ela o Grupo Popular solicita aproveitar ao máximo a taxa do 50 por cento aprobada polo Goberno central e que esta actuación se leve a cabo no primeiro semestre do presente ano 2015.
Gabinete de Comunicación do PPdeG