Skip to main content

Teatro do Atlántico estrea en Narón o espectáculo P principio de Arquímedes

Teatro do Atlántico estrea o venres 20 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón o espectáculo ‘O Principio de Arquímedes’, unha obra do dramaturgo catalán Josep María Miró i Coromina levada a escena baixo a dirección de Xúlio Lago e con María Barcala, Toni Salgado, Alberto Rolán e Marcos Viéitez na interpretación. A produción, coa que a compañía galega cumpre 30 anos de actividade ininterrompida sobre os escenarios, contou para o seu financiamento cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

‘O Principio de Arquímedes’ é un dos 26 espectáculos galegos beneficiarios das axudas que a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) destinou en 2014 á dinamización escénica en Galicia, polas que se concederon o pasado ano 600.000 euros para a materialización de montaxes de distintos formatos e estilos. A proposta de Teatro do Atlántico recibiu en concreto 41.759 euros para o seu financiamento, dentro da categoría de creacións de mediano formato.

Baixo sospeita

A partir da tradución realizada por Afonso Becerra e con escenografía de Baltasar Patiño, espazo sonoro de Anxo Graña e vestiario de Susa Porto, Xúlio Lago dirixe nesta ocasión unha montaxe teatral arredor dun asunto tan sensible e polémico na sociedade actual como é a sospeita de pederastia.

No fío argumental, os pais duns rapaces que asisten a uns cursos de natación infantil preséntanlle á directora do centro as queixas sobre o que consideran un comportamento inadecuado por parte dun monitor. O adestrador explica que o único que fixo foi calmar un rapaz e axudalo a tranquilizarse, pero os pais non aceptan esta versión dos feitos e o conflito, lonxe de resolverse, medra cada vez máis.

Xira por cinco escenarios

Á estrea de ‘O Principio de Arquímedes’ en Narón mañá venres ás 20:30 horas, á que asistirá o director da Agadic, Jacobo Sutil, seguirá unha segunda función o sábado 21 nese mesmo espazo.

A montaxe visitará a continuación os escenarios de Santiago de Compostela (Teatro Principal, 27 e 28 de febreiro), Carballo (Pazo da Cultura, 6 de marzo), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 20 e 21 de marzo), Lugo (Auditorio Gustavo Freire, 26 de mazo) e Ourense (Teatro Principal, 28 de marzo).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia