Skip to main content

Agadic promove unha sesión para profesionais do audiovisual sobre axudas europeas a proxectos

Unha trintena de profesionais do audiovisual galego asistiu na Cidade da Cultura de Galicia á xornada informativa sobre as axudas europeas MEDIA ao desenvolvemento de proxectos, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como parte do seu programa de formación continua Galicia ProFilme.

A sesión correu a cargo do director da Oficina MEDIA España, Peter Andermatt, quen o pasado mes de novembro xa lles ofrecera aos responsables de diferentes produtoras independentes galegas unha panorámica do subprograma MEDIA como apartado de Europa Creativa, programa que agrupará ata 2020 as subvencións europeas para todo o ámbito cultural. Desta volta, o encontro centrouse na modalidade ‘Single Project Funding’, para a que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 16 de abril.

Ademais de dotar os proxectos subvencionados dunha importante fonte de financiamento na súa fase inicial, a obtención destas axudas supón un selo de calidade que pode resultar decisivo na súa traxectoria internacional. Neste sentido, durante a sesión incidiuse na relevancia desta convocatoria, detallando o seu funcionamento e as súas bases legais e achegándolles aos asistentes as estratexias máis axeitadas para presentar as propostas e as claves que manexan os especialistas encargados de realizar a selección.

Subvencións da Xunta

O director da Agadic, Jacobo Sutil, foi o encargado de presentar esta nova sesión informativa, coa que se abre unha nova edición anual de Galicia ProFilme. Durante a súa intervención, anunciou que o vindeiro luns 2 de marzo publicaranse no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións que a Axencia Galega das Industrias Culturais destina tamén ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais co obxectivo de dar cobertura a unha serie de operacións previas ao proceso de produción cinematográfica e televisiva.

Esta convocatoria, por un importe total de 185.000 euros, foi unha das tres liñas de apoio ás industrias culturais aprobadas o pasado venres na primeira reunión do Consello Reitor da Agadic presidida por Román Rodríguez tras a súa toma de posesión como conselleiro de Cultura e Educación.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia