Skip to main content

Galicia manterá o nivel de fondos europeos da PAC con axudas de 2.380 millóns en 7 anos

A directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, Patricia Ulloa, afirmou na Comisión 7ª do Parlamento que Galicia vai manter o nivel de fondos europeos da Política Agrícola Común (PAC) que viña percibindo no período actual. Estes fondos permitirán poñer no medio rural galego axudas por un importe anual de 340 millóns de euros, é dicir, 2.380 millóns de euros nos próximos 7 anos.

Patricia Ulloa destacou que os sectores gandeiros foron considerados prioritarios no novo período de programación da PAC e, en particular, o orzamento destas axudas para o sector lácteo supón un aumento do 63%. Sinalou ademais que o orzamento anual para as axudas asociadas dos sectores gandeiros é de 490 millóns de euros, isto é, un 84% do total das axudas asociadas. Deses fondos, 321 millóns de euros son para o vacún, explicou a directora xeral.

En relación cos fondos europeos asignados para desenvolvemento rural, Patricia Ulloa indicou que Galicia non perde, senón que incrementa en 33,4 millóns de euros estas achegas respecto ás recibidas en 2007.

Plan Forestal

Por outra banda, o secretario xeral do Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, anunciou nesta Comisión 7ª do Parlamento que mesmo quedou constituído o grupo de traballo para afrontar a revisión do Plan Forestal de Galicia. Explicou que a pretensión é que do grupo se eleven as liñas básicas para a elaboración do plan, de tal maneira que recolla o sentir e as necesidades do sector e buscando o maior consenso posible.

Todo isto –engadiu o secretario xeral–, para que nos próximos meses do verán estean elaboradas as directrices que definan o novo plan, de tal xeito que este documento poida estar listo nesta lexislatura.

Desenvolvemento Rural

Pola súa banda, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, fixo unha valoración positiva das políticas aplicadas pola Xunta en materia de desenvolvemento rural e dixo que se está a traballar para dotar de futuro ao eido rural galego. Deu conta de investimentos nesta liña, coma os 70,6 millóns de euros de fondos Leader, que permitiron mobilizar un total de 208 millóns, coa creación de 723 postos de traballo. Tamén, dos 8 millóns de euros destinados a proxectos dinamizadores e as 2 convocatorias de plans de mellora de camiños, que supuxeron o investimento de 14 millóns de euros en 2013 e de 25,5 millóns de euros no período 2014-2015.

Antonio Crespo fixo tamén fincapé na importancia que para o desenvolvemento rural de Galicia teñen iniciativas como a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia (Metaga), actualmente en trámite no Parlamento, o labor que se leva a cabo para a mobilización de terras a través do Banco de Terras de Galicia e os esforzos materializados no eido da concentración parcelaria.

Centro Tecnolóxico Alimentario

Por último, a secretaria xeral técnica da Consellería, Isabel Concheiro, amosou o compromiso e interese da Xunta para que a xestión do Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal), unha fundación estatal con sede en Lugo, cumpra as recomendacións recollidas no informe do Tribunal de Contas. Insistiu –como xa fixera onte no pleno da Cámara a conselleira Rosa Quintana– en que os contratos fixéronse de acordo a unhas instrucións internas de contratación cun informe favorable da Avogacía do Estado.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia