Skip to main content

Burela gaña a fase autonómica do certame radiofónico O galego na onda

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de anunciar no web www.lingua.gal que o Concello de Burela resultou gañador da fase autonómica do certame radiofónico de dinamización lingüística O galego na onda, convocado pola Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco da programación anual de actividades para o ano 2014.

O xurado do certame, ao que concorreron tamén nesta segunda fase os concellos de Santa Comba, Ordes, Melide, O Carballiño e Cambados, resolveu outorgarlle o premio ao programa radiofónico presentado polo Concello de Burela feito por sete alumnos e alumnas do IES Perdouro.

Dinamizar o idioma entre os rapaces

O proxecto O galego na onda, desenvolvido en dúas fases desde o pasado mes de maio, centrouse na comunicación radiofónica para dinamizar o uso da lingua galega na rapazada. Os rapaces destas seis entidades da RDL elaboraron na primavera cuñas publicitarias a prol do galego para participaren na primeira fase do concurso e, no outono, os gañadores recibiron cadanseu premio en forma de obradoiros de radio impartidos polo profesional da comunicación Rubén Riós.

Ademais, entraron nunha segunda fase do concurso na que se puxo en xogo compartir micrófonos co coñecido xornalista Kiko Novoa. Os pequenos xornalistas burelaos visitarán a sede central da Radio Galega para participaren no programa Galicia por diante o vindeiro martes 3 de marzo, onde os recibirán o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora deste medio, Rosa Martínez.

O ditame do xurado e mais todas as pezas que concorreron ao certame e que emitiron xa as radios municipais colaboradoras no proxecto O galego na onda, están dispoñibles en http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_na_onda_0.

Un cento de participantes

A iniciativa púxose en marcha desde a programación propia de actividades da RDL, a proposta da súa área técnica, cos obxectivos de ampliar as posibilidades de ocio en lingua galega dos adolescentes de entidades pertencentes á RDL, de favorecer a aprendizaxe e o uso oral do galego nun contexto lúdico e de promover a reflexión sobre os usos lingüísticos da mocidade.

Participaron neste programa preto dun cento de rapaces e rapazas de concellos da RDL de entre 12 e 16 anos de idade, concorrendo a un concurso en dúas fases (unha local de cuñas publicitarias, convocada desde cada un dos concellos, e outra autonómica de programas radiofónicos, á que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou os seis concellos gañadores da anterior), segundo o establecido nas bases.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia